Parada de Sil celebra en novembro a decimoterceira edición da súa festa dedicada á pisa da castaña

RibeiraSacraXa
A localidade de Purdeus acollerá o vindeiro 14 de novembro unha nova cita con esta celebración tradicional, que combina a recreación dos labores agrícolas de antano con mercado e comida popular
magosto-castañas-recurso
1 Nov 2026

A parroquia de Purdeus, no concello de Parada de Sil, volverá ser escenario dunha das citas máis arraigadas do calendario festivo outonal da Ribeira Sacra. O vindeiro 14 de novembro de 2026 celebrarase a decimoterceira edición da Festa da Pisa da Castaña, un evento que recupera unha práctica tradicional ligada ao aproveitamento deste froito na comarca.

A xornada comezará ás 11.30 horas coa recreación da propia pisa da castaña, actividade que dá nome á festa e que permite aos asistentes coñecer de primeira man como se desenvolvía antigamente este proceso. De xeito paralelo instalarase un mercado con produtos tradicionais da zona, onde os visitantes poderán adquirir artigos típicos da Ribeira Sacra.

Xa pola tarde, ás 14.00 horas, terá lugar o prato forte no gastronómico: un xantar popular cun prezo de 20 euros por persoa. O menú estará composto por un cocido completo elaborado con androlla e castaña cocida, ademais de sobremesa, café e chupitos. O maridaxe correrá a cargo de viños mencía e godello amparados pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

Quen desexe participar na comida pode adquirir os seus tiquets nos bares de Parada de Sil ou na Casa do Concello. Para calquera consulta adicional, está habilitado o teléfono 988 20 80 10.

0.12790012359619