Pantón retoma os encontros para homes centrados nas masculinidades e na igualdade

RibeiraSacraXa
A iniciativa dos Servizos Sociais regresará á Casa da Cultura de Ferreira cunha sesión mensual e incorporará novos obradoiros e unha fin de semana intensiva
Panton-Por-que-nos-xuntamos-os-homes-2026
3 Oct 2026

O Concello de Pantón retoma este martes, 6 de outubro, os encontros "Por que nos xuntamos os homes?", unha iniciativa impulsada polo departamento de Servizos Sociais que busca crear un espazo de diálogo arredor das masculinidades, a igualdade e o papel dos homes na sociedade actual. A primeira sesión desta nova etapa terá lugar ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Ferreira.

A actividade púxose en marcha en novembro do pasado ano dentro da programación do #25N, con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Desde entón, os encontros celebráronse unha vez ao mes e estiveron dirixidos exclusivamente a homes, coa finalidade de ofrecer un lugar de encontro e coidado no que compartir inquedanzas e experiencias sobre os cambios sociais e o compromiso coa igualdade real.

Ao longo das diferentes sesións abordáronse cuestións relacionadas coa responsabilidade dos homes na loita contra a violencia, o recoñecemento e abandono dos privilexios, a conexión coas emocións e a vulnerabilidade ou a posibilidade de organizarse colectivamente para contribuír á eliminación das desigualdades de xénero.

Os encontros permitiron crear un espazo de reflexión sobre as masculinidades e os procesos de socialización dos homes, tratando de maneira transversal o seu papel na sociedade actual, así como os privilexios, as problemáticas e as responsabilidades vinculadas a esa posición.

A nova etapa manterá unha periodicidade mensual e pretende dar continuidade ao traballo desenvolvido durante o pasado ano. Segundo explica o Concello, o grupo participou con implicación nas distintas propostas e agora búscase recuperar ese espírito de comunidade, consolidar o vínculo entre os participantes e seguir analizando como determinadas dinámicas inflúen no comportamento dos homes nos diferentes espazos.

Outro dos obxectivos será avanzar na identificación das diferentes formas de violencia e favorecer unha maior capacidade para recoñecelas e reflexionar sobre elas desde unha perspectiva colectiva.

O Concello de Pantón anima a incorporarse tanto aos homes que xa participaron na primeira tempada como a novas persoas interesadas en formar parte destes encontros. A intención é ampliar estes espazos de conversación e reflexión como ferramentas para fomentar a igualdade.

Ademais das sesións mensuais, a programación deste novo curso incorporará novos obradoiros e unha fin de semana intensiva, coa intención de estreitar os vínculos creados no grupo e ampliar as propostas de traballo arredor das masculinidades e da igualdade.

0.1680920124054