Pantón recupera o Obradoiro de Traballo Intelectual para estimular a mente e favorecer a socialización

O Concello de Pantón volverá poñer en marcha esta tempada o Obradoiro de Traballo Intelectual, unha proposta gratuíta para persoas adultas centrada no exercicio da mente a través de diferentes dinámicas e actividades.
O programa está deseñado para traballar distintas capacidades mediante exercicios prácticos que irán aumentando progresivamente o seu nivel de dificultade. Cada sesión contará con propostas específicas orientadas a manter activa a mente e estimular as habilidades cognitivas das persoas participantes.
Ademais do traballo intelectual, a actividade busca crear un espazo de encontro entre os asistentes e favorecer a socialización, permitindo combinar os exercicios con momentos de participación e interacción.
O obradoiro dará comezo o mércores 14 de outubro e celebrarase todos os mércores, de 17.00 a 19.00 horas.
As persoas interesadas en participar deberán formalizar a súa inscrición a partir deste luns, 5 de outubro, na Casa da Cultura de Pantón.