Pantón continúa o mes de agosto con festas en San Fiz e Guítara

O Concello de Pantón continúa coa súa programación festiva durante o mes de agosto con novas celebracións en diferentes núcleos do municipio. Esta fin de semana será a quenda de San Fiz de Cangas e San Xulián de Serode, que acollerán tres xornadas de festas organizadas pola Asociación de Veciños Santo Cristo, e de Guítara, que celebrará o sábado 29 as festas na honra de San Bartolomeu.
As celebracións en San Fiz de Cangas e San Xulián de Serode comezarán este venres, 28 de agosto, cunha pancetada popular ás 22.00 horas. Media hora máis tarde dará comezo a verbena coa actuación da Orquestra Galilea e DJ Espa Event.
O sábado 29, a programación arrancará ás 10.00 horas cunha alborada a cargo de gaiteiros. Ás 13.00 horas terá lugar a procesión e a misa, mentres que ás 14.00 horas haberá sesión vermú coa actuación dos gaiteiros.
Pola tarde desenvolveranse diferentes actividades no campo da festa. Ás 18.00 horas celebrarase a fase clasificatoria do Campionato de Birlos e, media hora despois, haberá xogos infantís. A xornada festiva continuará ás 21.30 horas co Grupo Pekados e DJ Espa Event.
As festas rematarán o domingo 30. Ás 13.00 horas celebrarase a procesión e misa cantada coa participación da Banda de Música de Chantada, que tamén ofrecerá a sesión vermú das 14.00 horas.
Xa pola tarde terá lugar a final do Campionato de Birlos, ás 18.00 horas, seguida novamente dos xogos infantís ás 18.30 horas. A partir das 21.00 horas, Sabor Latino será o encargado de poñer música á última noite das celebracións, que concluirá ás 23.00 horas cunha chocolatada.
Por outra banda, Guítara celebrará este sábado, 29 de agosto, as festas na honra de San Bartolomeu. A programación comezará ás 13.00 horas coa misa, acompañada pola actuación do grupo de gaitas Os Triskeles. Ás 14.00 horas celebrarase unha comida campestre de carácter veciñal. Xa pola tarde, ás 20.00 horas, dará comezo a festa amenizada polo grupo Sabor Latino, que poñerá o broche musical á xornada festiva en Guítara.