Pantón celebra o 30 de maio a 24ª edición da carreira popular “A Rota do Románico”

RibeiraSacraXa
As inscricións poderán realizarse até o 27 de maio
Carreira-románico-Pantón
15 Apr 2026

O Concello de Pantón celebrará o próximo 30 de maio a 24ª edición da súa carreira popular “A Rota do Románico”, unha cita deportiva que terá lugar pola tarde e que reúne cada ano a ducias de participantes de todas as idades.

Trátase dunha das propostas deportivas con máis traxectoria do municipio, que nesta edición estará organizada polo Concello en colaboración con iNNOHEROICA.

As inscricións están abertas a través da web www.championchipnorte.com ata o mércores 27 de maio ás 23:59 horas. A participación inclúe seguro de asistencia sanitaria, avituallamento ao remate da proba e festa final. Os dorsais poderán recollerse desde as 16:30 horas o mesmo día da carreira, na zona de saída situada na Praza do Concello, ata 10 minutos antes do inicio de cada proba. Os menores de 18 anos deberán inscribirse con autorización dun adulto responsable.

A xornada deportiva comezará ás 17:00 horas coa andaina (camiñata), cun percorrido de 12,5 quilómetros. Ás 18:15 horas terán lugar as carreiras infantís Peque Corre Pantón, dirixidas a escolares menores de 14 anos, con diferentes distancias segundo categorías: Mini (2021-2023, 50 m), Prebenxamín (2019-2020, 400 m), Benxamín (2017-2018, 400 m), Alevín (2015-2016, 800 m), Infantil (2013-2014, 1.100 m) e Cadete (2011-2012, 1.100 m).

A carreira absoluta dará comezo ás 19:00 horas, cun percorrido de 6,27 quilómetros. O tempo máximo establecido para completala será de 1 hora, mentres que a andaina contará cun límite de 3 horas.

Pola súa banda, as probas infantís terán carácter non competitivo. A actividade Peque Bos Hábitos comezará ás 19:05 horas, seguida dunha merenda ás 19:30 e da entrega de premios a partir das 19:45 horas.

As categorías da carreira popular estarán divididas en masculina e feminina, con premios para os tres primeiros clasificados de cada unha delas (non acumulativos): Promesa (2013-2009), Senior (2008-1987), Máster A (1986-1976), Máster B (1975-1966), Máster C (1966 e anteriores) e categoría Absoluta.

O alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, destacou o espírito deportivo e popular da cita e convidou a participar tanto aos corredores como ao público que desexe desfrutar da xornada como espectador, nun evento de promoción dos valores deportivos no municipio.

0.13338398933411