Pantón acolleu un curso sobre o manexo das colmeas para loitar contra a velutina
A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo achegou esta fin de semana a Tuiriz, en Pantón, un curso sobre o manexo das colmeas para loitar contra a velutina.
A formación estivo impartida por persoal técnico da Casa do Mel de Goente e centrouse nos métodos preventivos para protexer as colmeas desta especie invasora, con contidos teóricos e unha parte práctica.
O curso, que contou coa colaboración da Comunidade de Monte Veciñal en Man Común de Ferroedo, está incluído no programa de formación en apicultura que está a desenvolver a área provincial, co obxectivo de ampliar e actualizar os coñecementos de apicultores e apicultoras e espertar o interese por esta actividade entre as persoas máis novas.
Trátase dunha proposta que xurde da colaboración e o diálogo coas entidades representativas do sector, que complementa outras actuacións que desenvolvemos nos últimos meses da man da Asociación Galega de Apicultura e que amplía a aposta da área de Rural pola formación e o asesoramento no sector primario.