“Palabra no tempo” reúne alumnado, familias e veciñanza en Folgoso do Courel arredor do patrimonio léxico local

A presentación do proxecto “Palabra no tempo” reuniu a pasada semana en Folgoso do Courel alumnado, familias, veciñanza e entidades nun encontro centrado na conservación e posta en valor das palabras propias do territorio.
Desde o Concello felicítase ao CPI Poeta Uxío Novoneyra e agradécese a participación de todas as persoas e entidades que fixeron posible esta iniciativa.
O proxecto converteu o alumnado en protagonista activo dunha investigación sobre o patrimonio léxico da comarca, realizada a través de traballo de campo no territorio, entrevistas a veciños e veciñas e a recollida sistemática de vocabulario tradicional. En total, documentáronse máis de 370 palabras e expresións seguindo unha metodoloxía con criterios de carácter lexicográfico.
Durante o acto, o propio alumnado explicou o proceso de traballo desenvolvido e os resultados acadados. Entre eles destaca a incorporación do material recollido á plataforma Lingua Viva e ao Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués do Instituto da Lingua Galega (ILG–USC), así como a creación de xogos didácticos como un memory e un dominó centrados no léxico local.
O proxecto conta co aval do programa Plan Proxecta+ da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia e foi recoñecido entre os cinco mellores proxectos de innovación educativa do ano. Ademais, recibiu o Premio de Innovación Educativa en Dinamización Lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.