Pablo Fernández foi recibido polo alcalde de Monforte como benvida ao seu novo cargo na Policía Nacional

RibeiraSacraXa
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, recibiu ao novo Inspector xefe da Policía Nacional en Monforte, Pablo Fernández López, que tomou posesión do seu cargo hai uns días, e que veu acompañado polo Comisario provincial de Lugo, Luis Miguel Romera Pérez.
alcalde novo Inspector xefe de Monforte
21 Feb 2024

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, recibiu ao novo Inspector xefe da Policía Nacional en Monforte, Pablo Fernández López, que tomou posesión do seu cargo hai uns días, e que veu acompañado polo Comisario provincial de Lugo, Luis Miguel Romera Pérez.

Pablo Fernández substitúe no cargo a Tomás García, que en agosto de 2023 asumiu o mando desta comisaría de Monforte. Neste senso, o alcalde tamén tivo palabras de recoñecemento e agradecemento ao traballo desempeñado en Monforte nestes últimos meses polo anterior inspector.

“O encontro que mantivemos foi unha primeira toma de contacto e serviu para facer un repaso de cal é o estado actual da seguridade en Monforte; falamos de todos aqueles aspectos que atañen ó corpo da Policía Nacional nos seus diferentes eidos de actuación”, explicou o mandatario local.

Temas tratados

Por outra parte, a reunión serviu para falar da necesidade de continuar coa vontade de colaboración entre os diferentes corpos de seguridade do Estado: Policía Local, Policía Nacional e Garda Civil.

O rexedor destacou que “durante a conversa que mantiven co novo inspector xefe da Policía Nacional constatamos que o noso é un Concello tranquilo e cun baixo nivel de delincuencia; pero iso non significa que teñamos que baixar a garda”, sinalou José Tomé Roca, “debemos seguir traballando conxuntamente para poder reducir ese nivel, na medida do posible”.

Tamén abordaron o futuro edificio que albergará a Comisaría da Policía Nacional en Monforte, cuxa licitación fora anunciada polo Alcalde o pasado mes de decembro de 2023, cun orzamento de partida de preto de 4,7 millóns de euros.

0.16087412834167