Pablo Álvarez falará co alumnado do colexio de Sober sobre a campaña de apadriñamento de pingüíns

RibeiraSacraXa
Pablo Álvarez Balsa, fillo dun soberino, vai participar co Exército de Terra na vindeira campaña antártica española como capitán de transmisións.
Pablo Álvarez Sober Antártida
22 Feb 2024

Pablo Álvarez Balsa, fillo dun soberino, vai participar co Exército de Terra na vindeira campaña antártica española como capitán de transmisións.

No marco do seu traballo, o vindeiro 1 de marzo, Pablo Álvarez fará unha videoconferencia co alumnado do CEIP Plurilingüe Virxe do Carme de Sober para informalo sobre a campaña antártica de apadriñamento de pingüíns, totalmente gratuíta, que permite adoptar aos animais de Isla Decepción para facer da terra un lugar máis limpo, coidado e saudable coa natureza. O pingüín que se apadriñe conseguirá sobrevivir e converterse nun pingüín adulto, capaz de procrear e coidar dos seus pitos cumprindo así una das fases do seu ciclo vital.

Pablo Álvarez, que actualmente reside en Zaragoza por motivos laborais, estivo toda a súa infancia vinculado á Banda de Música de Sober e mantén numerosas amizadas na localidade.

O mozo está destinado no centro de comunicacións de Jaca, e por esa experiencia en terreos fríos e montañosos, foi seleccionado para formar parte da XXXVII Campaña Antártica do Exército de Terra como encargado das comunicacións da Base Antártica Española ‘Gabriel de Castilla’.

A misión do equipo que viaxará á Illa Decepción en decembro é dar apoio loxístico aos científicos que levan a cabo proxectos de investigación na Antártida. En concreto, encárganse do mantemento da base, alimentación, acompáñanos nos seus desprazamentos para darlles seguridade, e, no seu caso, ocúpase de prover servizos de Internet e teléfono, indispensables hoxe en día.

Álvarez Balsa recoñece que a preparación previa foi intensa, “posto que estamos sos e temos que saber facer un pouco de todo. Comezamos en abril cunha fase de movemento en montaña en Panticosa, na miña área aprendemos a usar as radios, os satélites e todos os aparellos que traemos. Tamén fixemos una fase de navegación no Grove, onde aprendemos a manexar as embarcacións que usamos na illa para movernos”, explica.

O Goberno local do Concello de Sober deséxalle moita sorte nesta misión, da que asegura o alcalde, Luís Fernández Guitián, “estaremos moi pendentes”.

0.19921684265137