Os viticultores da Ribeira Sacra concentráronse diante do Pazo de Sober

RibeiraSacraXa
O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas convoca unha xuntanza aberta ás 19.00 horas no salón de actos do edificio sindical de Monforte
concentracion-viticultores-pazo-de-sober
30 sep 2024

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) levou adiante unha concentración diante do Pazo de Sober, establecemento ao que o presidente Rueda argumentou acudir para reflexionar nas liñas da lexislatura. Segundo turistas alí aloxados, o ambiente do que os membros do Goberno dotaron a este establecemento o sábado pola noite foi intenso. Aseguran que ante a mobilización de viticultoras e viticultores, "o presidente da Xunta optou por abandonar as instalacións pola porta de atrás, eludindo a principal desprezando ás persoas alí concentradas".

Canda esta concentración, o Sindicato Labrego Galego rexistrou unha carta na que lembran a Alfonso Rueda que as medidas adoptadas pola Consellería de Medio Rural non son suficientes para garantir a continuidade das persoas traballando as viñas, sobre todo das poucas que temos que son agricultoras profesionais. Din que a destilación de crise "chega tarde e non solucionou o problema dos depósitos cheos das adegas; e as axudas para o mantemento da paisaxe son moi necesarias, pero non van servir para as persoas que malvenderon as uvas ou para aquelas que as van deixar sen vendimar".

Para o Sindicato Labrego Galego, para este ano 2024, tería que terse establecido unha axuda para conservar as persoas viticultoras traballando no territorio, pagando por quilo de uva que quedara sen recoller. A estas alturas, "pensamos que esta medida xa non ten sentido porque, insistimos, a maioría malvenderon a particulares ou meteron as uvas en cubas propias".

"En calquera caso, o primeiro que hai que facer este ano é analizar os datos da vendima e saber como vai afectar máis adiante o que está pasando esta vendima da Denominación de Orixe, porque se non se ve futuro o abandono de viñedo vai ser moi importante", insisten.

“Para o ano 2025 é necesario empezar a traballar xa, crear unha mesa de traballo entre todas as partes da D.O. e poñer enriba da mesa todas as opcións que podemos ter e ver cales poden ser mellores ou cales se poden realizar na Ribeira Sacra ou se se precisan todas”. Sen viticultura é moi difícil que outras actividades como a turística se manteña dado que a promoción da zona faise en boa medida pola paisaxe, polo que a desaparición de socalcos en produción afecta moito máis alá do sector vitivinícola.

Propoñen así a creación xa da mesa de traballo na que estean presentes Consello Regulador, adegas, viticultoras e a Consellería de Medio Rural. “Estamos nos últimos días de vendima na Denominación de Orixe Ribeira Sacra e uns 500 viticultores e viticultoras non tiveron adega que lles recollera a uva, polo que se viron na obriga de vender a prezos moi baixos a particulares ou elaborar viño para autoconsumo, no mellor do casos. Se non se actúa decontado, o entorno produtivo e paisaxístico da Ribeira Sacra, e o futuro das persoas que habitan este territorio, estará gravemente comprometido”.

UNHA NOVA REUNIÓN

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas convoca unha xuntanza aberta ás 19.00 horas no salón de actos do edificio sindical de Monforte de Lemos para abordar coas viticultoras e viticultores da Ribeira Sacra estratexias a seguir para sobrelevar o forte impacto económico que na comarca supón a non recollida da uva a máis de medio milleiro de produtoras e produtores.

"Malia aos anuncios institucionais, a Xunta de Galicia non activou ningunha medida de apoio directo ás persoas viticultoras, nin tampouco se aprecia horizonte de traballo ningún que protexa a produción da vendima do vindeiro ano e non vernos de novo na mesma situación".

0.13345217704773