Os usuarios do Centro de Día de Quiroga celebran as Letras Galegas cun libro dedicado a Begoña Caamaño

O Centro de Día de Quiroga sumouse á celebración do Día das Letras Galegas cun proxecto colectivo centrado na figura da escritora viguesa Begoña Caamaño, homenaxeada nesta edición.
As persoas usuarias do centro elaboraron, coa colaboración do persoal e de AFAMON (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Monforte de Lemos), un libro de grandes dimensións no que se recolle a vida e a traxectoria da autora. O traballo fai un percorrido pola súa obra literaria, a súa carreira xornalística e o seu compromiso coa igualdade, a solidariedade e a defensa dos colectivos máis vulnerables, así como pola súa implicación en distintos movementos sociais e no feminismo.
Para a presentación desta iniciativa desprazouse ao centro o concelleiro de Servizos Sociais, Xosé Manuel Fernández, que se encargou de trasladar o libro ata o bar do Centro Social, onde permanecerá exposto durante todo o mes de maio para que poida ser visitado pola veciñanza.
Tanto o equipo de goberno como a Concellería de Servizos Sociais expresaron o seu recoñecemento ao traballo desenvolvido polas persoas usuarias do Centro de Día de Quiroga, destacando a importancia de poñer en valor a figura de Begoña Caamaño, protagonista das Letras Galegas deste ano.
Desde o Concello sinalan que este tipo de actividades teñen como obxectivo ofrecer lecer activo, promovendo ao mesmo tempo o traballo cognitivo para contribuír a frear o deterioro e divulgar a vida e obra de figuras relevantes da cultura galega. Ademais, subliñan a relevancia de conmemorar unha data como o 17 de maio, dedicada á lingua galega.