Os socialistas piden axilizar a tramitación do Certificado Dixital, e demandan reformas para a súa obtención

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O Grupo Socialista na Deputación reclamará ó Goberno galego no vindeiro Pleno, a través dunha moción, “dotar do persoal necesario ó Rexistro da Xunta en Lugo, e que tome as medidas precisas para descentralizar a realización deste trámite, estudando coa institución provincial e os concellos fórmulas que eviten os desprazamentos”.
26 dic 2022

O Grupo Socialista na Deputación reclamará ó Goberno galego no vindeiro Pleno, a través dunha moción, “dotar do persoal necesario ó Rexistro da Xunta en Lugo, e que tome as medidas precisas para descentralizar a realización deste trámite, estudando coa institución provincial e os concellos fórmulas que eviten os desprazamentos”.

O PSdeG demanda á Xunta axilizar a tramitación administrativa para obter o Certificado Dixital, e poder concorrer así a subvencións e tramitar expedientes coas diferentes administracións. Tras escoitar as queixas das gandeiras e gandeiros lucenses, o Grupo Provincial do PSdeG na Deputación de Lugo reclamará á Xunta no vindeiro Pleno, a través dunha moción, reformas na tramitación deste documento.

Concretamente, a través desta proposta, demandan ó Goberno autonómico “dotar do persoal necesario ó Rexistro da Delegación de Lugo para garantir que se atenden todas as citas concedidas para obter o Certificado Dixital, e que tome as medidas precisas para descentralizar a realización deste trámite, estudando coa Deputación e os concellos fórmulas que eviten os desprazamentos ou os reduzan considerablemente”.

Ademais, na iniciativa rexistrada o PSdeG insta á Xunta “a mellorar a cobertura de liña telefónica e internet para avanzar no camiño de facilitar o acceso á administración por vía telefónica e dixital ós veciños do rural lucense”.

Os gandeiros lucenses fixéronse eco destas trabas

Dende o PSdeG sinalan que os gandeiros da provincia de Lugo “denunciaron publicamente as dificultades que están a atopar para tramitar a obtención do Certificado Dixital no Rexistro da Xunta en Lugo, debido á carencia de persoal”. Advirten de que moitos dos gandeiros que acudiron “non foron atendidos a pesares de contar cunha cita concertada previamente, o que supuxo un desprazamento de balde, coa consecuente perda de tempo e o gasto derivado do mesmo”.

“Resulta sorprendente que en pleno século XXI, a Xunta siga obrigando a resolver de xeito presencial a tramitación deste certificado, e que ademais o centralice na capital da provincia, obrigando ós gandeiros e a todos aqueles que o solicitan a desprazarse, nun modelo de atención ó cidadán que parece propio do século XIX”, aseguran os socialistas.

Imprescindible para optar a axudas

O PSdeG lembra que contar co Certificado Dixital é imprescindible para poder optar ás axudas do Kit Dixital que concede o Ministerio de Agricultura. Como as axudas se conceden por orde de presentación, a incapacidade e falta de previsión da Xunta pode privar ós gandeiros lucenses do acceso ás mesmas.

“Dende o Grupo Socialista da Deputación de Lugo vimos denunciando a perda de servizos públicos no rural, e a creación por parte da Xunta dun modelo de dúas velocidades, que amplía a fenda entre o rural e o urbano en lugares de reducila”, aseguran. “A idea de que os veciños e veciñas do rural teñan que acudir á capital a poñer unha vacina ou a facer un trámite administrativo é incompatible co desenvolvemento de Lugo, e supón un agravio para a poboación do rural, que ve como os seus dereitos constitucionais como cidadáns se ven atendidos cun modelo de inferior calidade ós dos veciño e veciñas das cidades”.