Os participantes do Obradoiro de Emprego completan a limpeza do acceso á Cova das Choias

O alumnado do Obradoiro de Emprego da Pobra do Brollón rematou os traballos de roza e limpeza do camiño de acceso á Cova das Choias, na parroquia de Óutara. Unha vez finalizadas estas tarefas, os participantes realizaron unha visita guiada para coñecer este enclave natural.
A Cova das Choias constitúe un refuxio para diferentes especies de flora e fauna e forma parte do programa municipal de visitas guiadas do verán, Déixate Guiar, co que o Concello dá a coñecer distintos espazos de interese do municipio.
Os participantes no Obradoiro de Emprego continuarán nas próximas semanas co acondicionamento dos accesos a outros lugares de valor natural e patrimonial, entre eles Penas do Castelo.
Estas actuacións intégranse nos labores que desenvolve o alumnado para a limpeza das faixas secundarias de protección, co obxectivo de contribuír á prevención dos incendios forestais e mellorar a accesibilidade a diferentes enclaves da Pobra do Brollón.