Os orzamentos da Deputación superan os 116 millóns de euros

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
José Tomé Roca presentou o presuposto da Deputación, que sube un 5,32% con respecto ao 2023 grazas aos fondos europeos que conseguiu a institución provincial, e que será sometido a debate e aprobación do Pleno o próximo martes, “en tempo e forma para que entren en vigor a principios de ano”.
presentacion orzamentos deputacion
21 Nov 2023

José Tomé Roca presentou o presuposto da Deputación, que sube un 5,32% con respecto ao 2023 grazas aos fondos europeos que conseguiu a institución provincial, e que será sometido a debate e aprobación do Pleno o próximo martes, “en tempo e forma para que entren en vigor a principios de ano”.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asegurou que os Orzamentos da institución provincial para o ano 2024, que superan os 116M€, son “realistas, útiles, investidores e profundamente sociais”. Así o manifestou na rolda de prensa de presentación dos presupostos, que tivo lugar no Salón de Actos do Pazo de San Marcos xunto ao Vicepresidente, Efrén Castro, e a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Mayra García Bermúdez.

O Orzamento consolidado –da propia Deputación e do Consorcio, que a entidade provincial financia ao 50%- ascende a 116.498.926,82€, o que representa unha subida dun 5,32% con respecto ao deste ano, grazas aos investimentos que conseguiu a Deputación do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que o Goberno de España ten en marcha cos fondos que logrou da Unión Europea.

José Tomé subliñou que son uns presupostos “realistas e útiles” por tres motivos: porque serán sometidos a debate e aprobación do Pleno o vindeiro martes 28 de novembro, en “tempo e forma” para que poidan entrar en vigor a primeiros de ano, como sempre ocorreu dende que está na Presidencia; porque servirán para “dar un novo impulso ao proxecto de progreso social e económico que temos para a provincia”, centrado en “achegar os servizos públicos aos veciños e veciñas, e en promover a actividade económica”, factores esenciais para fixar poboación no territorio; e porque “practicamos unha política de feitos, planificamos e cumprimos, cunha execución media do 85% do Orzamento de gasto, que nos sitúa á cabeza das administración locais de toda España, o que indica que somos bos xestores”. “Son uns presupostos bos para a provincia, cos que demostramos que é posible outro Goberno para Galicia”, recalcou o Presidente.

Así mesmo, explicou que son uns orzamentos “investidores, claramente expansivos”, porque suben o capítulo de investimentos reais en case un 45% -pasando dos 11,4M€ no 2023 aos máis de 16,5M€ do 2024-, e o de Transferencias Correntes en preto dun 3%, ata superar os 15,6M€.

A rede pública de protección social máis ampla das deputacións en España

Os Orzamentos 2024 son tamén “profundamente sociais”, sinalou José Tomé, pois “consolidamos o peso específico das políticas Sociais, dedicándolles máis dun terzo do total do presuposto, ata alcanzar os 38M€, o que supón un 3% máis ca neste ano”.

Un compromiso, sinalou o Presidente, que “nos define como Goberno, e que xa é un sinal de identidade desta institución provincial. De feito, somos a Deputación de España que conta cunha rede pública de protección social tan ampla: coas residencias de maiores; o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar dos concellos; e o servizo de teleasistencia domiciliaria”.

O mandatario provincial recalcou que un Goberno “serio e útil cumpre co que promete” e nese sentido destacou que no pasado mandato se abriron as 6 residencias prometidas. “Hoxe contamos con 9 centros en funcionamento –nos concellos de Trabada, Pol, Ribadeo, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil-, que ofrecen 300 prazas asistenciais e crean en torno a 225 postos de traballo directos, na súa gran maioría de mulleres, aos que hai que sumar os indirectos”.

Para manter estes centros en funcionamento e seguir avanzando nos proxectos que están en marcha –na Pontenova, Guitiriz, A Pobra do Brollón, Portomarín, Ourol, Folgoso do Courel, Pantón, Becerreá e Cervantes-, a Deputación destina nos Orzamentos do ano 2024 unha partida de case 11M€. “O noso compromiso é abrir neste mandato as residencias de Guitiriz e da Pontenova, que agora mesmo están en obras”, anunciou o Presidente, que informou tamén que a institución vén de firmar o contrato para iniciar a construción do centro da Pobra do Brollón.

Así mesmo, a Deputación destinará uns 3,4M€ para manter o Servizo de Axuda no Fogar dos municipios da provincia de menos de 20.000 habitantes –todos menos a capital- e fondos para prestar o servizo de teleasistencia domiciliaria as 24 horas.

Lembrou tamén o Presidente que a Deputación dedicará en torno a 1,3M€ ao tecido social vinculado co terceiro sector para manter a rede de apoio que ofrecen ás persoas que máis o necesitan.

“Seguimos facendo o traballo que non fai a Xunta de Galicia”

“Con este enorme esforzo inversor en servizos sociais seguimos facendo o traballo que non fai a Xunta de Galicia, que, lamentablemente, non está, nin se lle espera, polo menos, mentres siga o actual Goberno”, subliñou José Tomé.

En 15 anos de Goberno, a Xunta, que ten 130 veces máis orzamento ca Deputación, "non abriu nin unha soa residencia pública, nin o vai facer, porque non o contempla nos seus presupostos e porque, a pesar do que digan, o centro que abrirá aquí en Lugo non o pagou a Xunta, senón a Fundación Amancio Ortega, e, en todo caso, xa anunciaron que o van privatizar", explicou o Presidente.

Máis medidas fronte ao reto demográfico

No ámbito social, José Tomé destacou tamén o acordo conseguido co Goberno do Estado para crear un Centro de Acollida de Protección Internacional no antigo Hospital de San Rafael, en Castro de Rei, o primeiro destas características en Galicia. Un proxecto que será “moi importante” para a provincia pola propia función social que cumprirá, prestando asilo ás persoas que se ven na obriga de abandonar o seu país por situacións de emerxencia; polo seu retorno económico, xa que supón un investimento de 12M€ e a creación de 25 postos de traballo directos e uns 45 indirectos; e porque suporá recuperar para uso público unhas instalacións que levaban baleiras máis de 11 anos, despois do traslado do psiquiátrico a Calde.

Ao respecto, avanzou o Presidente que o Ministerio de Inclusión Social ten en fase de licitación a redacción do proxecto, polo que “esperamos avances de cara ao 2024”.

Ademais, anunciou a posta en marcha do programa E Para Vivir… a Provincia de Lugo, un novo plan con novas medidas específicas fronte ao reto demográfico que estará financiado con fondos europeos. “Trátase de ofrecer un apoio integral ás persoas que se trasladen a vivir ao rural; atraer novos habitantes con axudas ao alugueiro de vivenda; e favorecer o aproveitamento de terras e a diversificación de cultivos”, explicou.

O Presidente detallou que as políticas de emprego contarán no 2024 con 4M€ co obxectivo de favorecer a contratación e mellorar a empregabilidade a través da formación, e ás vinculadas coa igualdade suben un 10%.

Apoio á USC vinculado ao mantemento das titulacións do Campus

Os fondos para a o ensino público sumarán preto de 3M€, un investimento que serve para manter o funcionamento do Centro de Formación Audiovisual da Deputación –o único público desta rama que hai na provincia- e tamén para consolidar á institución provincial como a que máis recursos aporta á Universidade pública, aínda que, advertiu o Presidente, “o nivel de colaboración que temos dependerá de que se manteñan as titulacións do Campus Terra. Vai en serio, como xa lle dixen ao reitor. De feito, o convenio de colaboración por 370.500€ non vai nos orzamentos como nominativa, pois dependerá de se a universidade mantén as titulacións”.

Os concellos recibirán 21,75M€ do plan de cooperación

A cooperación cos concellos “vertebra toda a acción de Goberno” pois “é a mellor forma de ser útiles á cidadanía”, resaltou José Tomé. O plan de cooperación cos 67 municipios da provincia aumenta no 2024 ata os 21,75M€, “o que significa transferirlles aproximadamente o 20% dos Orzamentos provinciais seguindo criterios públicos e obxectivos, iguais para todos, e cun respecto total á autonomía municipal”, fronte ao “raquítico” 1,1% da Xunta co Fondo de Cooperación Local.

Neste eido, destacou tamén o proxecto Impulsa TIC, dotado con 4,5M€ de fondos europeos, e grazas ao que a Deputación proporcionará de maneira gratuíta aos 52 concellos que decidiron adherirse servizos e equipamentos tecnolóxicos que lles permitirán avanzar na transformación dixital da administración e, polo tanto, mellorar o servizo que prestan aos veciños.

Tamén lembrou que a Deputación aforra miles de euros aos concellos prestándolles asistencia técnica cando o así requiren, en materia xurídica, urbanística, na xestión e cobro de impostos municipais, en recursos humanos ou en formación.

Un conxunto de medidas que, en palabras do Presidente, fan que “a día de hoxe a Deputación sexa unha Administración esencial para o funcionamento dos concellos, sen a que moitos non poderían prestar nin os servizos máis básicos aos seus veciños”, lamentando ademais que a realidade é que os concellos non contan co apoio necesario por parte da Xunta de Galicia, “que nos afoga con competencias, pero nunca transfire os cartos necesarios para financialas”.

Un 11% máis para mobilidade

A mellora da mobilidade centra outro dos grandes obxectivos dos Orzamentos para o ano 2024, “polo seu papel clave para o equilibrio territorial, fixar poboación e dinamizar a economía en sectores como o turismo”. As partidas para estradas provinciais e municipais increméntanse un 11%, acadando os 20M€ no 2024, unha subida que se eleva ao 42% nos últimos cinco anos.

O reto nesta materia é “enorme” tendo en conta que, con 4.217 quilómetros, a Deputación conta coa rede provincial máis extensa do Estado e tres veces maior ca da Xunta na provincia de Lugo. Reivindicou neste sentido o mandatario provincial que o Executivo galego asuma a titularidade de vías como a estrada de Momán-As Pontes, que une as provincias de Lugo e A Coruña, ou o cinto comarcal de Lugo, e comprometeuse a seguir traballando e sumando apoio para que unha parte dos fondos europeos se poidan destinar o mantemento de estradas.

O apoio aos sectores produtivos gaña peso

O apoio da Deputación aos sectores produtivos “gaña peso” no Orzamento 2024 con partidas que suman 11,3M€, un 7,6% máis ca este ano, para actividades “estratéxicas”, como a agrogandeira, forestal, mar, economía verde, comercio, hostalería e turismo.

No caso do sector primario, a Granxa Gayoso Castro, referencia en políticas públicas de apoio á gandería, conta cun orzamento de case 2M€.

As accións vinculadas co turismo contarán con 3M€ “para consolidar un modelo de calidade e sostible, de experiencias e desestacionalizado, que é o que rdeixa valor no territorio, en termos económicos e de emprego”. O Presidente anunciou que no 2024 arrancarán as obras que restan do Parque Central de Galicia, en Antas de Ulla; potenciará o programa Lugo Termal; continuará coas visitas gratuítas do Coñece a túa provincia; e coas rutas fluviais pola Ribeira Sacra, cun orzamento de case 800.000€.

A Deputación continuará co proxecto Acelera PEMES, financiado con fondos europeos, a través do que ofrece asesoramento gratuíto a pequenas e medianas empresas para modernizar e mellorar o seu negocio coa transformación dixital.

Os recursos vinculados coa área de medio ambiente, que suman 3,8M€, servirán para a posta en valor do patrimonio natural da provincia, e, ao mesmo tempo, impulsar toda esa riqueza como unha oportunidade de desenvolvemento a través da economía verde.

0.16532301902771