Os organizadores da Festa de Caldo de Ósos de Taboada presentan toda a programación

RibeiraSacraXa
A Casa da Cultura de Taboada acolleu a presentación do programa de actividades da XXXII edición da Festa do Caldo de Ósos.
presentacion Caldo de Ósos
presentacion Caldo de Ósos
29 ene 2024

A Casa da Cultura de Taboada acolleu a presentación do programa de actividades da XXXII edición da Festa do Caldo de Ósos.

Nesta presentación estiveron Marta Barreiro, representando a Delegación Provincial de Lugo da Xunta de Galicia, Efrén Castro, vicepresidente da Deputación de Lugo; Manuel Diéguez, concelleiro de Cultura de Taboada, entidade organizadora da Festa; e Noa López, da produtora Noa López Producións, que desenvolve a programación da Festa.

Tras as intervencións de Marta Barreiro e Efén Castro, que amosaron o apoio das administración e destacaron o importante patrimonio gastronómico e cultural que representa, Manuel Diéguez e Noa López detallaron a programación e os porqués da revisión dun formato, que nesta edición se presenta renovado.

Así, durante a intervención destacaron a Festa do Caldo de Ósos como unha viaxe pola paisaxe cultural de Taboada, presentando unha revisión do formato da festa, no que se busca a coherencia entre as accións programadas, e dar forma a través da convocatoria da festa, a unha viaxe profunda pola paisaxe cultural do Concello e contorna.

Durante o acto, destacouse a Festa do Caldo de Ósos como un símbolo territorial, identitario, unha mostra tanto da cultura como da natureza que define as raíces de Taboada. “É moito máis unha celebración gastronómica: é o elemento unificador que xera nexos entre gastronomía, o territorio e a cultura. É tamén o compromiso coas tradicións locais, unha pegada da identidade de Taboada, que se reflicte a través do cultivo agrícola e da cría do porco, do produto que se emprega, da receita do caldo, e ata das formas de servilo ou consumilo”, sosteñen os organizadores.

Eixos da programación

Debúxase unha programación que coloca o acento nunha compoñente máis cultural e patrimonial: o protagonismo do produto pero tamén das persoas, a visibilización e valorización do acervo culinario, a inclusión do Concello de Taboada na axenda cultural de Galicia, a través do reclamo gastronómico, convertendo a convocatoria en plataforma de promoción de desenvolvemento.

Desta forma, a programación, baixo ese concepto de #maiscaunhafestagastronomica, busca incentivar que a xente pase a fin de semana e ata todo o Entroido en Taboada, que participe das actividades e descubra o Concello e contorna.

O eixo sobre o que xirará toda a actividade será a gastronomía, polo que destacará a Feira porcina, o mercado de produto de proximidade e a exposición fotográfica ‘As pegadas do porco celta en Galicia’ de ASOPORCEL.

Ademais, o caldo de ósos será o protagonista, habendo degustacións gratuíta para todas as persoas asistentes, haberá menú da festa en todos os restaurantes de Taboada, proxectarase o documental ‘O caldo de ósos nas súas mans’ e tamén haberá degustación gratuíta de produtos do porco celta.

Tamén haberá un eixo cultural cunha clase mestra sobre a elaboración de embutidos tradicionais, catas maridaxe de viños da D.O Ribeira Sacra co caldo de ósos e cos produtos do porco celta, exhibición e mostra de  regueifa e brindos e un obradoiro de máscaras con Viravolta ‘Constrúe a túa propia cachucha’.

Música e voces

Así, a festa tamén estará protagonizada por diferentes artistas, músicos, bandas e voces interesantes. Terán lugar nestes dous días as actuacións da  Banda de música de Chantada, os concertos de Tanto nos Ten e De Ninghures e Os Rechouchíos, Folión e Cabezudos.

Ademais, contarase coa presenza de Manolo Gago, a voz elixida para apadriñar o Caldo de Ósos. Gago, importante xornalista e divulgador cultural, vencellado co sector gastronómico e amante do Caldo de Ósos, será  padriño e pregoeiro desta XXXII edición.

Apoio da Xunta

A Xunta de Galicia apoia a 32ª edición da Festa do Caldo de Ósos de Taboada, que se celebra durante a fin de semana do 10 e o 11 de febreiro. A secretaria territorial de Lugo, Marta Barreiro, participou na presentación da cita, da que destacou que “non só está consolidada no programa gastronómico da provincia” senón que ademais “é un símbolo de identidade deste concello”.

Apuntou que a Administración autonómica axuda a sufragar os gastos da festa, na que os asistentes poderán degustar o menú tradicional con caldo de ósos, visitar o mercado de produtos locais e desfrutar das actividades paralelas vinculadas coa gastronomía e coa cultura.