Os nenos e nenas do xeoparque gozaron un ano máis da Carreira das Picariñas

O Quiroga Trail Challenge (QTC) celebrou o pasado 30 de abril por terceiro ano consecutivo a Carreira das Picariñas do Xeoparque, unha actividade dirixida aos máis pequenos da comarca co obxectivo de fomentar a práctica deportiva entre a infancia. Nesta edición, a carreira celebrouse na praia fluvial de Megoxe, no concello de Folgoso do Courel.
A proba está destinada ao alumnado dos centros educativos do Xeoparque Montañas do Courel, reunindo arredor de douscentos nenos e nenas de educación primaria procedentes do CEIP de Quiroga, do CEIP de San Clodio e do CPI Poeta Uxío Novoneyra.
A iniciativa, que busca achegar o deporte aos máis pequenos e promover hábitos de vida saudables na contorna do Xeoparque, estivo organizada polo Quiroga Trail Challenge e conta coa colaboración do Xeoparque UNESCO Montañas do Courel, así como dos concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel.