Os Lactouros presenta unha edición especial de navallas micolóxicas artesanais para as persoas socias

A Asociación Micolóxica Os Lactouros vén de dar a coñecer unha edición especial de navallas micolóxicas artesanais, destinada exclusivamente ás persoas socias da entidade. Trátase dunha iniciativa que busca fortalecer a relación entre a comarca de Lemos e Taramundi, dous territorios unidos pola tradición, o monte e os oficios artesáns.
As pezas foron elaboradas de maneira artesanal nun taller especializado da localidade asturiana de Taramundi, coñecida internacionalmente pola súa longa tradición coiteleira. Estas navallas están deseñadas especificamente para o uso micolóxico, incorporando unha folla curva de punta redondeada e un cepillo integrado, elementos habituais neste tipo de ferramentas destinadas á recolleita responsable e á limpeza dos cogomelos no propio medio natural.
Segundo explica a entidade, esta colaboración permitiu desenvolver unha edición exclusiva que combina funcionalidade, artesanía e identidade asociativa, pensada como acompañamento para as saídas ao monte das persoas afeccionadas á micoloxía.
Dende Os Lactouros sinalan que a iniciativa pretende, ademais, poñer en valor os oficios tradicionais e o traballo artesanal, ao tempo que ofrece ás persoas socias un obxecto práctico e simbólico ligado á súa afección e á actividade da asociación.