Os hospitais galegos precisan sangue ante unha baixada das reservas

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue realiza un chamamento xeneralizado á doazón de sangue pola baixada das reservas
autobus doazon sangue galicia portada
autobus doazon sangue galicia portada
18 dic 2022

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) fai un chamamento xeneralizado á participación de toda a cidadanía na doazón de sangue e, de forma especial, aos doantes dos grupos 0 positivo e A positivo. Debido as baixas reservas dos grupos  O+ e A+, no día de onte procedeuse á reprogramación dunha vintena de intervencións cirúrxicas non urxentes en pacientes pertencentes a estes grupos.

Os pacientes afectados polas reprogramacións serán citados de novo tan pronto como sexa posible. A reprogramación supón adiantar intervencións cirúrxicas doutros pacientes cuxos grupos sanguíneos non teñan problemas de reservas de sangue.

A demanda de compoñentes sanguíneos e a coincidencia de días festivos na mesma semana provocaron unha diminución nas reservas de sangue. Neste sentido, a Xunta fai un chamamento á doazón de todos os grupos sanguíneos, e á participación nas campañas de doazón que realiza a Consellería de Sanidade por mediación de ADOS, xa que os hospitais galegos precisan entre 400 e 500 diarias para levar a cabo de forma axeitada o seu labor asistencial

A Axencia convida aos cidadáns a amosar o seu carácter xeneroso e solidario xa que, debido ao aumento na demanda de compoñentes sanguíneos, por mor do incremento da actividade asistencial dos hospitais galegos, e a coincidencia de días festivos na semana anterior, provocou unha diminución nos niveis de reservas dos distintos grupos sanguíneos

Ademais, as dez unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue visitan diferentes concellos galegos para conseguir as doazóns precisas que garantan o desenvolvemento do gran labor asistencial dos distintos centros sanitarios de Galicia.

Pódese doar sangue nos locais de doazón existentes nas sete grandes cidades galegas. En Lugo está no HULA, de luns e venres das 15.00 ás 22.00 horas e martes, mércores e xoves das 08.00 ás 15.00 horas.

Doar é moi sinxelo e seguro

Pode doar sangue calquera persoa maior de idade, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue. A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e mesmo salvar vidas. Ademais, sinalar que sempre están presentes as máis rigorosas medidas de seguridade.

Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto de información 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.

autobus doazon sangue galicia