Os escolares de Quiroga aprenden galego con sopas de letras e crucigramas

O alumnado do CEIP de Quiroga participou a semana pasada nun obradoiro de pasatempos en galego, unha actividade dirixida pola escritora e docente Celia Díaz Núñez e pensada para achegar a lingua aos máis pequenos a través do xogo.
Ao longo da sesión, os nenos e nenas traballaron con distintos tipos de xogos de palabras, coa idea de aprender, pensar e pasalo ben empregando o galego. Como resultado do obradoiro, elaboráronse tres tipos de pasatempos: sete sopas de letras, sete crucigramas e un crucigrama colectivo, no que tomou parte todo o alumnado do centro.
A proposta forma parte das accións de normalización da lingua galega que están a desenvolver de maneira conxunta os concellos do Xeoparque Montañas do Courel: Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Courel. Ademais, conta con financiamento da Consellería de Lingua, Cultura e Xuventude e ten como finalidade fomentar o uso do galego nestes tres municipios.
A coordinación da actividade correu a cargo de Luis Fernández, concelleiro de Cultura de Ribas de Sil, xunto cos edís responsables desta materia nos outros concellos participantes. Segundo explicou, con este tipo de iniciativas preténdese poñer a disposición do alumnado ferramentas lúdicas que lles axuden a familiarizarse co galego desde idades temperás, combinando a aprendizaxe co xogo e a creatividade.