Os Cómicos de Salcedo xa contan cunha placa na Casa da Cultura da Pobra do Brollón

Os Cómicos de Salcedo xa contan cunha placa na Casa da Cultura da Pobra do Brollón
A homenaxe rende tributo a Cuco de Salcedo, Justo de Salcedo, Pepiño de Salcedo e Chinco de Salcedo, que agora lle dan nome ao salón de actos
O salón de actos da Casa da Cultura da Pobra do Brollón leva desde o pasado domingo unha placa dedicada aos Cómicos de Salcedo, nun acto celebrado coincidindo co Día das Letras Galegas e que serviu para recoñecer a traxectoria de catro veciños vinculados ao teatro popular en galego durante décadas.
A homenaxe rende tributo a Cuco de Salcedo, Justo de Salcedo, Pepiño de Salcedo e Chinco de Salcedo, coñecidos colectivamente como Os Cómicos de Salcedo, unha formación que durante anos levou ao escenario escenas da vida cotiá en clave de humor e retranca.
Durante o acto, o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda, destacou que o grupo “forma parte xa da historia deste pobo, do noso patrimonio inmaterial e da nosa memoria colectiva”, lembrando tamén a pegada que deixaron nas representacións teatrais da parroquia de Salcedo.
O rexedor puxo en valor o papel do público que durante anos apoiou estas representacións, e que incluso foi o encargado de popularizar o nome co que hoxe se coñece o grupo. Segundo se lembrou no acto, o teatro dos Cómicos caracterizábase pola improvisación, os ensaios prolongados e un espírito festivo que convertía cada función nun encontro comunitario.
No transcurso da homenaxe, veciñas e veciños reviviron anécdotas e escenas das súas actuacións, nun ambiente marcado polas risas e a emoción. Entre o público estivo tamén a poeta Olga Novo, quen dá nome á Casa da Cultura e participou nun momento distendido da celebración.
O acto tamén contou co recoñecemento a persoas vinculadas aos inicios do grupo, como Alberto de Loureiro, así como a outros colaboradores e veciñanza que apoiaron a actividade teatral ao longo dos anos.
Ao remate da cerimonia, o alcalde entregou un agasallo aos catro homenaxeados e procedeuse ao descubrimento da placa, nun momento que foi acompañado por un longo aplauso do público asistente. A xornada pechouse cunha mensaxe de recoñecemento á cultura popular e ás persoas que manteñen vivo o teatro comunitario na comarca.