Os campamentos e o campus de fútbol de Quiroga comezaron para os máis pequenos

RibeiraSacraXa
Os Campamentos de Verán puxéronse en marcha co gallo de ofrecer "unha alternativa para poder conciliar a vida laboral coa familiar".
quiroga campamentos
4 Xul 2022
Empezaron os Campamentos de Verán que o Concello de Quiroga pon en marcha co gallo "de poñer a disposición de pais e nais traballadores unha alternativa para poder conciliar a vida laboral coa familiar". Os preto de oitenta participantes recibiron a visita do alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, e dos concelleiros de Servizos Sociais, Loli Sánchez, e de Xuventude, Luis Manuel Arias.
Once monitores e unha coordinadora serán os que xestionarán "as actividades incluídas no campamento, adecuando as actividades para cada un dos tres grupos creados, acorde á idade dos participantes". Durante os meses de estío, os que se unan a estes campamentos, "ademais de repaso escolar, contacontos ou excursións o aire libre, contarán con outras interesantes actividades, como talleres coa Asociación española contra o cancro, visita dos servizos de seguridade e emerxencias, ou participación en talleres de música tradicional". Así mesmo,  se o clima é propicio  os campamentos rematarán diariamente nas piscinas municipais.

E nesta primeira semana de xullo tamén se levará a cabo o XIV Campus de Fútbol posto en marcha pola área de deportes do concello. O campus no que participan 44 rapaces menores de 16 anos, terá lugar no recente remodelado campo de fútbol San Martiño. Andrés Novoa, concelleiro de Deportes, e Adrián González, novo adestrador do Quiroga FC son os instrutores do curso.

0.068452119827271