Os Campamentos de Verán de Chantada pechan edición tras reunir a 250 nenos e nenas

RibeiraSacraXa
A iniciativa gratuíta da Concellería de Igualdade combinou lecer, deporte e actividades educativas para favorecer a conciliación familiar
campamento-verán-Chantada
28 Jul 2026

A Concellería de Igualdade do Concello de Chantada pechará a finais deste mes unha nova edición dos Campamentos de Verán, unha iniciativa dirixida a facilitar a conciliación da vida familiar e laboral durante as vacacións escolares, ao tempo que promove o desenvolvemento físico, emocional e social dos menores participantes.

Nesta edición participaron 250 nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, que tamén puideron facer uso dun servizo de madrugadores en horario de 8.00 a 10.00 horas, pensado para dar resposta ás necesidades das familias.

Ao longo das distintas quendas desenvolvéronse actividades orientadas a fomentar valores como a tolerancia, o respecto, a convivencia e a comunicación, así como a autonomía e a iniciativa na toma de decisións da vida diaria.

Todas as propostas foron gratuítas e incluíron actividades deportivas, obradoiros de expresión plástica e artística, xogos e iniciativas en contacto coa natureza. O programa tamén puxo o foco no desenvolvemento das habilidades sociais da rapazada, prestando especial atención á integración, á inclusión e á promoción da igualdade, mediante actividades libres de estereotipos e enfoques sexistas.

Esta programación desenvolveuse co cofinanciamento do Plan Corresponsables, impulsado polo Ministerio de Igualdade do Goberno de España para promover medidas que faciliten a conciliación das familias e impulsen a corresponsabilidade no coidado dos menores.

0.12489080429077