Os ‘Camiños dos Sabores’ regresan ao Courel con catro propostas para coñecer os produtos locais

RibeiraSacraXa
A cuarta edición comezará o 10 de outubro e combinará rutas guiadas con visitas a produtores e actividades vinculadas á gastronomía da montaña
castañas
5 Oct 2026

A Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Courel poñerá en marcha o 10 de outubro a cuarta edición dos ‘Camiños dos Sabores’, un programa que permite coñecer diferentes produtos artesanais do territorio directamente nos lugares onde se producen.

A iniciativa conta co apoio da Área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e combina percorridos guiados con visitas a produtores locais, co obxectivo de achegar as persoas participantes á orixe dos alimentos e ao traballo que hai detrás da súa elaboración.

A primeira actividade terá lugar o 10 de outubro polos soutos de Miraz e incluirá unha visita a Delicias do Souto. Ao día seguinte, o programa desprazarase aos apiarios de Mercurín, onde tamén se visitará O Galeirón.

O 18 de outubro celebrarase a proposta ‘O sabor dos prados’, que terá como escenario unha explotación gandeira de Meiraos. A programación completarase o 15 de novembro cun magosto na antiga escola de Miraz.

As rutas comezarán ás 10.30 horas e presentarán unha dificultade baixa ou media, segundo o percorrido.

A participación é gratuíta, pero require inscrición previa a través do correo electrónico info@vivindocourel.es. Na solicitude deberán indicarse o nome, o correo electrónico e o teléfono de contacto. A organización facilitará posteriormente ás persoas participantes os puntos de saída das diferentes actividades.

0.16543006896973