Os Anguieiros celebrará os días 18 e 19 de xullo a festa da Madalena con actividades para todas as idades

A aldea dos Anguieiros, na parroquia de Montefurado (Quiroga), celebrará os vindeiros 18 e 19 de xullo a festa da Madalena cun programa pensado para fomentar a convivencia veciñal e render homenaxe a María Madalena. A celebración adiántase este ano ao seu día tradicional, o 22 de xullo, ao coincidir entre semana.
Entre as actividades previstas destaca o Concurso de Madalenas, recuperado o pasado ano coa intención de darlle maior protagonismo dentro da programación festiva, así como o XIV Campionato de Bolos Celtas, que nesta edición cobra un significado especial despois de que este xogo tradicional fose recoñecido como Ben de Interese Cultural.
O cartel anunciador da festa é obra da ilustradora Laura Maquieira, gañadora nunha edición do Concurso de Carteis das Festas de Quiroga.
O Concurso de Madalenas abrirá o prazo de inscrición o sábado 18 entre as 16.00 e as 19.00 horas na propia aldea dos Anguieiros. As persoas participantes deberán presentar un mínimo de seis madalenas nun recipiente desbotable, identificadas co seu nome e indicando se conteñen froitos secos, glute ou outros alérxenos.
O xurado estará formado por Natalia Abad, Yolanda Fernández e Manuela Martínez, integrantes da organización que non participan no certame. As elaboracións serán recollidas por Josefina Martínez, na súa casa, situada preto da entrada da aldea, e serán valoradas atendendo ao sabor, a presentación e a orixinalidade.
A persoa gañadora recibirá unha cesta con produtos locais. O fallo do concurso darase a coñecer ás 22.00 horas, durante a merenda popular, momento no que tamén se fará entrega do premio. As madalenas presentadas ao certame poderán ser degustadas posteriormente polas persoas asistentes.
A programación arrancará o sábado ás 8.30 horas coa Camiñada da Madalena, que partirá da igrexa de Montefurado e percorrerá o itinerario Montefurado-Vilaster-Montefurado polo Camiño de Inverno. Xa pola tarde, ás 19.00 horas, haberá xogos populares para a cativada, con propostas como chave, bolos, o pano ou corda.
Entre as 21.00 e as 23.00 horas celebrarase a merenda popular, acompañada dun serán musical a cargo do grupo de música tradicional Merenzao, dentro do programa Tradigalu da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Ás 22.00 horas entregarase o premio do Concurso de Madalenas.
A xornada do domingo comezará ás 10.00 horas coa disputa do XIV Campionato de Bolos Celtas, no que haberá premios para as catro mellores clasificacións masculinas e femininas.
Ás 12.30 horas realizarase a entrega de premios do campionato e unha alborada a cargo do grupo de música tradicional Abertal. A continuación, ás 13.15 horas, celebrarase a misa e a procesión na honra da Madalena, mentres que ás 14.00 horas a programación rematará cun aperitivo popular e unha sesión vermú amenizada polo propio grupo Abertal.