Organizan en Monforte unha andaina silenciosa pola paz o 10 de outubro

RibeiraSacraXa
A proposta partirá da explanada da Compañía e rematará en San Vicente do Pino cun concerto de Waby Eliott e a lectura dun manifesto
parador-monforte-san-vicente-do-pino
5 Oct 2026

Monforte de Lemos acollerá o vindeiro sábado 10 de outubro unha actividade simbólica centrada na reflexión sobre a paz e no compromiso social. Baixo o lema ‘Del Silencio a la Acción. Monforte de Lemos camina por la Paz’, a iniciativa propón un percorrido a pé e en silencio polos espazos emblemáticos da cidade.

A actividade comezará ás 19.15 horas na explanada da Compañía e está previsto que remate arredor das 20.45 horas na praza Luis de Góngora, en San Vicente do Pino. Os participantes realizarán o traxecto en silencio e en fila india, cunha proposta orientada a favorecer a reflexión individual.

Segundo explican os seus promotores, a iniciativa nace dunha experiencia persoal relacionada cun conflito bélico e pretende trasladar esa reflexión ao ámbito colectivo, promovendo o compromiso coa construción dun mundo en paz. A organización resume o espírito da actividade coa frase ‘Caminamos solos, sentimos juntos’.

Antes de iniciar o percorrido, as persoas participantes recibirán unhas tarxetas con tres propostas desde as que iniciar a súa reflexión. Ao finalizar a actividade poderán escribir nelas os seus desexos ou respostas en relación coa paz e depositalas voluntariamente nunha caixa que permanecerá gardada durante un ano, ata a celebración dunha segunda edición.

A chegada a San Vicente do Pino dará paso a un breve concerto de Waby Eliott e Cía, que interpretará pezas compostas especificamente para a ocasión. Despois da actuación terá lugar a lectura do manifesto pola paz, que pechará a xornada.

Entre os obxectivos da proposta están fomentar a reflexión individual sobre a paz, favorecer a convivencia e reivindicar o silencio como unha ferramenta de introspección nun contexto marcado pola hiperconexión. Os organizadores tamén buscan implicar á cidadanía en accións simbólicas que promovan o compromiso social.

A actividade pretende ademais poñer en valor o patrimonio de Monforte, xa que o percorrido por diferentes lugares emblemáticos da cidade permitirá vincular a historia local con valores universais relacionados coa paz.

Os promotores sinalan que a iniciativa non responde a ningún propósito político e animan as persoas asistentes a participar nun ambiente de respecto. Neste sentido, solicitan que os teléfonos móbiles permanezan en silencio durante o desenvolvemento da actividade para preservar o carácter reflexivo do percorrido.

0.17058610916138