O XIII Campus do Clube Voleibol Ribeira Sacra reúne a 63 nenos e nenas en Monforte

O Clube Voleibol Ribeira Sacra, coa colaboración do Concello de Monforte de Lemos, puxo en marcha esta semana a décimo terceira edición do seu Campus de Voleibol, unha actividade que se desenvolverá ata o venres 28 de agosto.
Un total de 63 nenos e nenas de entre 8 e 16 anos participan nesta edición, baixo a dirección de oito adestradoras e adestradores. Os participantes están distribuídos en catro grupos de traballo en función das súas idades e do seu nivel técnico, co obxectivo de adaptar os adestramentos ás características de cada grupo.
Para moitos dos participantes, o campus supón tamén o regreso á práctica do voleibol tras o período estival e serve como primeira toma de contacto coa actividade de cara ao inicio da pretempada dos diferentes equipos do Clube Voleibol Ribeira Sacra, prevista para o vindeiro 1 de setembro.
A programación do campus concluirá o venres 28 de agosto ás 13.30 horas cun acto de clausura no que se fará entrega a cada participante da súa correspondente medalla, así como dunha camiseta conmemorativa desta décimo terceira edición.