O XI Concurso Quiroga de Tapas terá lugar entre o 29 de marzo e o 7 de abril

RibeiraSacraXa
O XI Concurso Quiroga de Tapas terá lugar entre o 29 de marzo e o 7 de abril como antesala da Feira do Viño
Concurso tapas Quiroga
Concurso tapas Quiroga
18 mar 2023

A XI edición do concurso Quiroga de Tapas terá lugar entre o 29 de marzo e o 7 de abril, como antesala da Feira do Viño.

Os establecementos participantes, Adega da María, Matrioshka, Chapakuña 3, Ruxe-Ruxe, Ferreiriño, A Botica e O Portón presentarán a tapa coa que participan neste novo certame.

Cada un deles presentará unha tapa, que deberá estar anunciada, exposta de forma destacada e a disposición do público consumidor entre as 12.00 e as 14.30 horas e as 19.00 e as 22.30 horas.

Ademais, é obrigatorio ofertar o maridaxe con viños da D.O Ribeira Sacra.

Bases do concurso

O prezo da tapa será de 1´50 euros e serán os propios consumidores os que decidan coa súa votación cal é a tapa gañadora.

Para elo terán que cubrir un tapacartón co selo de todos os establecementos que concursan e que se poñerá cada vez que o cliente deguste a tapa concursante.

Cando o cliente complete a degustación de todas as tapas, poderá votar a súa favorita utilizando o mesmo tapacartón poñendo o nome da que elixe como gañadora e os datos da persoa participante e introducindo o mesmo nas urnas oficiais do concurso. Os concursantes terán de prazo ata o último día do concurso, o día 7, ás 23.00 horas para depositar os cartóns con todos os selos en calquera das urnas situadas en cada establecemento participante.

Estes tapacartóns, ademais de elixir a tapa gañadora, entrarán no sorteo dos premios aos participantes.

Novidades da edición 2023

A novidade deste ano estará nos premios que poderán acadar os participantes que resulten agraciados no sorteo entre todos os participantes que completen debidamente os seus tapacartóns.

O primeiro destes premios será agora de 200 euros e haberá un segundo premio de 100 euros.

O que se manterá invariable será o premio que reciba o establecemento gañador e que o ano pasado recaeu, por decisión dos votantes, no Mesón Escaleira e a súa tapa de ‘Filloas recheas con sabores da terriña’.