O Xeoparque Montañas do Courel programa rutas guiadas e obradoiros de natureza para o outono

O Xeoparque Montañas do Courel presentou o seu novo calendario de actividades dentro do programa 'Actividades na Biosfera', que se desenvolverá entre os meses de setembro e novembro de 2026 en distintos puntos da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Iribio e Courel. A iniciativa está organizada polo propio Xeoparque e conta co apoio da Xunta de Galicia.
A programación estrutúrase en dous bloques. Por unha banda, os obradoiros de natureza, pensados para achegar ao público a riqueza faunística e etnográfica do territorio. Entre as propostas figuran unha xornada de observación de réptiles e anfibios no monte de Cido (12 de setembro), unha saída para o seguimento de libélulas en Cimar (20 de setembro) e unha noite dedicada aos morcegos en Paderne (3 de outubro). O calendario continúa o 18 de outubro cun obradoiro sobre especies exóticas invasoras en Cimar, e péchase o 25 de outubro con dúas citas: unha dedicada ao gaiteiro verde na Seara e outra centrada na cera e outros produtos apícolas en Vieiros.
O segundo bloque fórmano as rutas interpretadas, itinerarios guiados polo territorio cun forte compoñente xeolóxico e paisaxístico. O programa arrinca o 27 de setembro coa xeorruta da dobra deitada do Courel, seguida o 4 de outubro pola ruta do río Pequeno. Xa na recta final do outono, programáronse a ruta da lagoa da Lucenza (24 de outubro), a ruta da Cubela (31 de outubro) e, para pechar o ciclo, a xeorruta de Sudrios o 7 de novembro.
As persoas interesadas en participar poderán anotarse a partir do 1 de setembro. Para máis información e reservas, o Xeoparque pon á disposición do público o teléfono 982 43 51 25, o correo electrónico xeoparquemontanasdocourel@gmail.com e os seus perfís en Facebook e Instagram, onde se irán actualizando os detalles de cada actividade.