O Xeoparque Montañas do Courel cumpre dous anos

RibeiraSacraXa
O territorio formado polos concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel convertíase en 2019 no primeiro xeoparque do noroeste peninsular.
xeoparque montañas courel
xeoparque montañas courel
14 abr 2021

O Xeoparque Montañas do Courel celebra o seu segundo aniversario. Foi en abril do ano 2019 cando o territorio formado polos concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel recibía esta distinción, converténdose así no primeiro xeoparque de Galicia e de todo o noroeste peninsular. O Xeoparque Montañas do Courel ten concedido este título ata o ano 2023, xa que a Unesco revisa cada catro anos as concesións.

Os municipios de Quiroga, Folgoso do Courel e Ribas do Sil uníanse xa no ano 2015 para impulsar a creación dun xeoparque, que englobaría os principais elementos do patrimonio xeolóxico da zona. A superficie da proposta abarcaba 578 quilómetros cadrados, a totalidade dos tres concellos, nos que residen máis de 5.700 habitantes.

No 2016 formalizan a constitución dunha asociación, denominada 'Montañas do Courel', coa finalidade de traballar para conseguir o recoñecemento da comarca dentro da categoría Xeoparque Mundial que concede a Unesco. O seguinte paso do proxecto, foi a configuración dun comité científico para traballar na elaboración dos documentos técnicos dos recursos da comarca. Doutra banda, apostouse por dispoñer unha estreita relación con todas as universidades galegas e de maneira especial cos investigadores que desenvolven o seu labor científico sobre este territorio.

A candidatura dispuxo de apoio económico dos tres concellos implicados, así como do GDR Ribeira Sacra-Courel, da Deputación Provincial e da Xunta de Galicia. Apoiaron ademais a candidatura as asociacións culturais do territorio, clubs deportivos, empresas de turismo, o colexio oficial de arquitectos de Galicia, a Cámara Mineira de Galicia e asociacións e empresarios mineiros da comarca.

O gran paso deste proxecto foi no 2017, cando despois da visita de membros da Comisión de Patrimonio Xeolóxico da Sociedade de Xeoloxía de España, o Comité Nacional Español de Geoparques informaba favorablemente á proposta presentada pola Asociación Montañas do Courel. Este informe era o primeiro filtro que debía superar antes de que a Comisión Nacional de Cooperación coa Unesco aprobase a carta de apoio, para presentar definitivamente a candidatura oficial a xeoparque.

O territorio Montañas do Courel recibía posteriormente a visita de dous auditores que se encargarían de avaliar a candidatura deste territorio ao ingreso na rede de parques xeolóxicos amparada pola Unesco, unha avaliación favorable dada a decisión que tomou a Unesco, convertendo a Montañas do Courel no 141 Xeoparque do Mundo durante catro anos.

Agora, os tres concellos implicados -Ribas de Sil, Folgoso do Courel e Quiroga- seguen traballando en conxunto para revalidar este recoñecemento no ano 2023. A publicación de guías de barrancos, o acondicionamento de rutas de sendeirismo, a sinalización do territorio, o inventariado de puntos de interese, a celebración de xornadas de divulgación ou a apertura dun centro sobre a minería aurífera en Ribas de Sil -que complementa o centro sobre as covas e o barranquismo en Folgoso de Caurel e o Museo de Xeoloxía e o Museo etnográfico de Quiroga- son algunhas das accións que se están promovendo na liña de apostar polo territorio e manter este recoñecemento.