O Xeoparque Montañas do Courel acollerá un novo campionato de parapente de longa distancia

O Xeoparque Montañas do Courel será novamente escenario dun campionato de voos de parapente a longa distancia organizado polo club Parapente Quiroga, que celebra este ano a súa segunda edición cun formato renovado.
A competición introduce cambios no regulamento co obxectivo de facilitar unha maior participación e reforza a importancia dos despegues realizados desde o municipio de Quiroga, sen excluír os doutros puntos habituais da zona.
O campionato establecerá tres modalidades de premio: a maior distancia percorrida desde os despegues situados en Quiroga, Folgoso do Courel ou Ribas de Sil; o maior número de horas de voo acumuladas e a altura máis elevada acadada dentro do Xeoparque; e un terceiro galardón destinado á mellor reportaxe fotográfica realizada durante as actividades de voo.
Concello de Quiroga colabora na difusión dunha iniciativa que se desenvolverá entre o 1 de xuño e o 10 de setembro, período no que os participantes deberán cumprir os requisitos técnicos e de seguridade establecidos pola organización.
Para poder participar será necesario dispoñer de seguro federativo ou de accidentes que cubra a actividade de parapente. Ademais, os voos deberán ser xustificados mediante rexistros de traxectoria que permitan comprobar tempos, distancias e puntos de despegue e aterraxe.
Un xurado composto por entre tres e catro persoas será o encargado de avaliar as probas e emitir un fallo definitivo. Os premios manterán a dotación económica da primeira edición, con 500, 300 e 200 euros para os tres primeiros clasificados.
Na edición anterior, o primeiro premio foi para Oliver Álvarez Lorenzo, de Vilagarcía de Arousa, que logrou un voo de 122 quilómetros desde o monte Pía Paxaro, en Folgoso do Courel, ata as proximidades de Peña Ubiña, na cordilleira Cantábrica.
O Club Parapente Quiroga, impulsor da iniciativa, foi creado en 2021 co obxectivo de recuperar e potenciar a práctica deste deporte no sur da provincia de Lugo, especialmente no ámbito do Xeoparque Montañas do Courel, onde conta cunha notable tradición.