O viveiro dos Trollos inaugura unha nova senda divulgativa

RibeiraSacraXa
O percorrido permite observar as distintas especies arbóreas presentes no viveiro, favorecendo o coñecemento do patrimonio forestal galego
inauguraion-senda-viveiro-dos-trollos
5 Jun 2026

O viveiro dos Trollos inaugura unha nova senda divulgativa

O percorrido permite observar as distintas especies arbóreas presentes no viveiro, favorecendo o coñecemento do patrimonio forestal galego

A Consellería do Medio Rural inaugurou este venres unha nova senda divulgativa no viveiro público dos Trollos, en Bóveda, coincidindo coa celebración do Día Mundial do Medio Ambiente. A iniciativa busca achegar á cidadanía o coñecemento do patrimonio forestal galego e fomentar a súa conservación a través da divulgación.

No acto participaron a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, a directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, e o alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, acompañados por alumnado dos CEIP de Bóveda e Monforte de Lemos, que percorreu o novo itinerario.

A actuación forma parte dun programa impulsado pola Xunta para facilitar o acceso do público aos viveiros forestais autonómicos. O plan conta cun investimento próximo ao medio millón de euros e inclúe tamén melloras no viveiro de Santa Cruz de Oleiros, na provincia da Coruña.

A senda incorpora diferentes elementos interpretativos elaborados en madeira, entre eles representacións da fauna característica da contorna, co obxectivo de favorecer a comprensión dos ecosistemas forestais. Ademais, o percorrido permite observar as distintas especies arbóreas presentes no viveiro, unha instalación de 30 hectáreas na que conviven exemplares autóctonos e especies ornamentais.

Durante a inauguración, a conselleira destacou a importancia deste tipo de proxectos para promover o coñecemento do medio natural. Segundo sinalou, iniciativas coma esta “favorecen a divulgación da nosa riqueza forestal, que é clave na súa conservación”. Gómez engadiu que a actuación se enmarca nas liñas estratéxicas do Plan Forestal de Galicia relacionadas coa información, a divulgación e a comunicación sobre o territorio e a xestión dos recursos forestais.

O viveiro dos Trollos é un dos oito centros forestais dependentes da Consellería do Medio Rural. Na actualidade produce arredor de 20.000 plantas de frondosas autóctonas e forma parte das actuacións que o departamento autonómico está a desenvolver para mellorar as infraestruturas de produción forestal, incluíndo a conservación de hortos e sementeiros e a obtención de sementes con alto valor xenético.

0.1172788143158