O VIDOC volverá a Taboada o 10 de xuño para facilitar a renovación do DNI e pasaporte

RibeiraSacraXa
As persoas interesadas deberán comunicar a súa solicitude previamente ao Concello
dni-mobil
27 May 2026

O Concello de Taboada informa de que o servizo VIDOC estará de novo dispoñible no municipio o próximo 10 de xuño, en horario de 09:30 a 12:30 horas, co obxectivo de facilitar á veciñanza a renovación do DNI e do pasaporte sen necesidade de desprazarse.

Segundo explican dende o Concello, a repetición deste servizo responde á elevada demanda rexistrada nas ocasións anteriores, nas que moitas persoas aproveitaron esta unidade móbil para actualizar a súa documentación.

Para poder realizar os trámites, será necesario ter en conta varios requisitos. O pago das taxas realizarase en efectivo no propio dispositivo: 12 euros no caso do DNI e 30 euros no pasaporte. Ademais, será preciso achegar unha fotografía tamaño carné con fondo branco. O DNI pode renovarse con ata seis meses de antelación á data de caducidade, mentres que no caso do pasaporte o prazo amplíase ata un ano antes do seu vencemento.

As persoas interesadas deberán comunicar a súa solicitude previamente ao Concello, xa que é o propio consistorio quen elabora o listado de usuarios. As prazas serán limitadas e asignaranse por rigorosa orde de inscrición.

O Concello lembra tamén que este servizo quedará suspendido durante os meses de xullo e agosto, coa previsión de retomalo de novo tras o verán.

Por outra banda, o goberno local avanza que está a realizar xestións para incorporar proximamente a posibilidade de obter o certificado dixital da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT) en Taboada, co fin de facilitar a relación da cidadanía coas administracións públicas con maiores garantías de seguridade e privacidade.

0.12923002243042