O Verán Cultural 2026 chega a Chantada con teatro, música, cine, circo e actividades familiares

O Concello de Chantada iniciará este mércores, 8 de xullo, a programación do Verán Cultural 2026, organizada pola Concellaría de Cultura, cun calendario de actividades que se prolongará ata finais de agosto e que incluirá espectáculos de maxia, teatro, música, circo, cine, propostas infantís e iniciativas do programa Cultura no Camiño, promovido pola Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) en colaboración co Concello.

A programación, pensada especialmente para compartir en familia, terá como principal escenario a Praza do Cantón, onde a maior parte das actividades infantís comezarán ás 20.00 horas.
A primeira cita será este mércores, 8 de xullo, cun espectáculo de teatro de animación a cargo de Cabicivai. O 15 de xullo chegará a primeira proposta do programa Cultura no Camiño, Verán Miúdo, cun espectáculo de clown e maxia. O 22 de xullo será a quenda de e-Mérito Teatro, mentres que o 29 de xullo o Centro Dramático Galego representará o espectáculo de rúa 'Ñiquiñaque', con textos de Cándido Pazó.
A música tamén terá un papel destacado durante o mes de xullo. O sábado 18 celebrarase na Praza de Galicia, a partir das 23.00 horas, o concerto 'Xuntos pola música', protagonizado por Lys Pardo e Antonio Barros.
O programa Cultura no Camiño trasladarase o venres 24 de xullo ás Piscinas Municipais de Chantada, onde desde as 18.30 horas terá lugar o espectáculo infantil 'Olimpiadas Tibu'.
A programación musical continuará o sábado 25 de xullo con dúas actuacións. Ás 21.00 horas, Nuno Louro actuará na Praza da Paz e, ás 22.30 horas, Soul&Roll ofrecerá un concerto na rúa Leonardo Rodríguez. O mes pecharase o 31 de xullo cun concerto de Sara de Sousa na Praza da Paz, previsto para as 22.00 horas.
Durante o mes de agosto, un dos momentos centrais será a celebración das Festas Patronais na honra da Virxe do Carme, que terán lugar entre o 20 e o 25 de agosto. Paralelamente, desenvolveranse numerosas actividades na Praza do Cantón, entre elas a Mostra de Teatro e o ciclo Cine no Cantón.
A programación de agosto comezará o sábado 1 co espectáculo de clown 'Merecidamente', ás 20.00 horas. O mércores 5 será a quenda das acrobacias de Vértigo, tamén ás 20.00 horas, e o venres 7 terá lugar o Concerto Marimbas.
O sábado 8 de agosto, a Banda de Música de Chantada ofrecerá o concerto-baile Noites á luz da lúa, a partir das 20.00 horas.
Entre o 11 e o 14 de agosto desenvolverase o ciclo Cine no Cantón, con proxeccións diarias ás 22.00 horas. A continuación celebrarase unha nova edición da Mostra de Teatro Maruxa Villanueva, con representacións previstas para os días 17, 18 e 19 de agosto, tamén ás 22.00 horas.
A programación do Verán Cultural concluirá o sábado 29 de agosto co espectáculo de danza e acrobacia de Circanelo.
O Concello sinala ademais que a programación permanece aberta á incorporación de novas actividades nas próximas semanas e lembra que, paralelamente, a Casa da Cultura acolle durante este mes a exposición fotográfica 'El ritual de un payaso', na que Ana Iglesias ofrece unha visión sobre a humanidade que existe detrás destes personaxes.