O Vendaval volverá levar o cinema portugués á Ribeira Sacra cunha programación que combina proxeccións e formación

SarriaXa | RibeiraSacraXa
A mostra celebrarase entre o 25 e o 30 de agosto en Sarria, Sober, O Saviñao e Bóveda e contará coa participación da cineasta Margarida Cardoso
Festival-O-Vendaval-Ribeira-Sacra
29 Jul 2026

O Vendaval, Mostra de Cinema Portugués da Ribeira Sacra, regresará este mes de agosto coa súa terceira edición para converter diferentes espazos do rural galego nun punto de encontro coa creación audiovisual lusa. O festival desenvolverase entre os días 25 e 30 de agosto nos concellos de Sarria, Sober, O Saviñao e Bóveda cun programa que combinará proxeccións cinematográficas, actividades culturais e accións formativas.

A inauguración terá lugar o martes 25 de agosto ás 22.00 horas na Palleira de Manán, en Sarria, un espazo dedicado á creación artística e á convivencia coa natureza. A primeira xornada xirará arredor da xentrificación e das transformacións urbanas contemporáneas a través da exhibición de catro curtametraxes portuguesas.

Entre elas figura Bad for a Moment, de Daniel Soares, unha ficción que reflexiona sobre os procesos de cambio social nos barrios urbanos; STOP - Salas de ensaio para um materialismo histórico, documental dirixido por Jorge Quintela sobre a evolución do coñecido Centro Comercial Stop do Porto; Maio, de Claudio Carbone, centrado na realidade do barrio lisboeta 6 de Maio; e Cães que ladram aos pássaros, de Leonor Teles, que aborda os efectos do turismo e da xentrificación na cidade do Porto. As proxeccións contarán coa presenza da actriz Ana Vilaça e do director Jorge Quintela.

Outro dos grandes atractivos desta edición será a participación da recoñecida cineasta portuguesa Margarida Cardoso, que impartirá por primeira vez en Galicia o curso Filmar Depois do Império. A actividade desenvolverase os días 29 e 30 de agosto na Casa da Memoria de Xullán, no concello de Bóveda.

Durante a formación, Cardoso analizará a forma na que o cinema portugués abordou a herdanza colonial e a memoria das guerras africanas, tomando como referencia algunhas das súas obras máis destacadas e outras producións recentes. Ademais, o festival acollerá a estrea en Galicia da película Banzo, recoñecida nos Premios Sophia do cinema portugués.

O curso terá unha duración de catro horas cada día, complementadas con almorzo e xantar. O prezo da inscrición é de 200 euros e as prazas están limitadas a un máximo de 20 participantes. A matrícula inclúe tamén o acceso ás actividades programadas durante o festival.

0.1262948513031