O V Ciclo de Concertos de Grupos Monfortinos remata cunha ampla resposta do público

Monforte de Lemos puxo este xoves o punto final á quinta edición do Ciclo de Concertos de Grupos Monfortinos, unha programación integrada no Verán Cultural que ao longo de seis xornadas achegou as actuacións de dez formacións locais a diferentes espazos da cidade.
A última cita tivo lugar na Praza de España, onde 7 Rojo e El Mundo de Sofía Band foron os encargados de pechar o programa. Nas xornadas anteriores tamén pasaron polo ciclo Segunda Parte, Rockin’KB, Nectarine Soul, Galga Blues Band, Bella Chaos, Movilla y los Irrepetibles, Deuce e Los Jinetes del Trópico.
As actuacións repartíronse entre as prazas de España, da Estación e da Compañía, cunha programación deseñada para ofrecer un espazo de difusión aos músicos da cidade e, ao mesmo tempo, levar a actividade cultural ás rúas durante o período estival.
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, cualificou de “moi exitoso” o resultado desta quinta edición e destacou tanto a participación das bandas como a presenza de público durante os diferentes concertos.
“O balance que facemos desta quinta edición é moi positivo. Tivemos unha magnífica participación dos grupos monfortinos, concertos moi animados e, sobre todo, unha excelente resposta por parte da cidadanía, que desfrutou da música en directo”, sinalou o alcalde.
Tomé salientou que o ciclo permite dar maior visibilidade ao talento musical da cidade e ofrecer ás formacións locais unha oportunidade para presentar os seus proxectos ante a veciñanza. A programación tamén contribúe, segundo o rexedor, a dinamizar a actividade cultural e a vida das rúas e prazas de Monforte.
O alcalde agradeceu finalmente a participación das dez formacións que integraron o cartel desta edición e a resposta do público, que acompañou as bandas ao longo das seis xornadas.