O V Ciclo de Concertos de Grupos Monfortinos pecha esta noite con dúas actuacións na Praza de España

RibeiraSacraXa
El Mundo de Sofía Band e 7 Rojo serán as últimas formacións en participar nunha programación que levou a música local a diferentes espazos da cidade
bella-chaos-ciclo-grupos-monfortinos
27 Aug 2026

O V Ciclo de Concertos de Grupos Monfortinos chega esta noite á súa última xornada cunha dobre actuación na Praza de España. A iniciativa, organizada polo Concello de Monforte de Lemos no marco do Verán Cultural, ten como obxectivo dar visibilidade ao talento musical local e achegar os concertos a diferentes espazos da cidade.

A última xornada terá como protagonistas a 7 Rojo, que actuará a partir das 22.30 horas, e El Mundo de Sofía Band, que tomará o relevo ás 00.00 horas.

A programación desta semana comezou o martes na Praza da Estación coa actuación de Movilla y Los Irrepetibles e continuou o mércores na Praza da Compañía, onde actuaron Deuce e Los Jinetes del Trópico. Estas citas deron continuidade ás actuacións celebradas a semana pasada de Segunda Parte, Rockin’KB, Nectarine Soul, Galga Blues Band e Bella Chaos.

O alcalde, José Tomé, que asistiu ás diferentes actuacións acompañado por membros do Equipo de Goberno, destaca que o ciclo pretende ofrecer aos músicos monfortinos un espazo para presentar o seu traballo ante o público.

“Queremos que os grupos monfortinos sexan os protagonistas e que a veciñanza teña a oportunidade de descubrir e desfrutar da música que se fai na nosa propia cidade”, sinalou.

A programación funciona así como un punto de encontro entre os grupos locais e a veciñanza, ao tempo que contribúe a dinamizar a actividade cultural durante o verán en Monforte.

0.16671681404114