O V Ciclo de Concertos de Grupos Monfortinos continúa esta semana con novas actuacións nas prazas da cidade

O V Ciclo de Concertos de Grupos Monfortinos continúa esta semana con novas actuacións en diferentes prazas de Monforte de Lemos, dentro do programa do Verán Cultural do Concello. A iniciativa busca poñer en valor o talento musical local e achegar os directos a distintos espazos da cidade.
A programación desta semana comezou este martes na Praza da Estación, coa actuación de Movilla y Los Irrepetibles, que congregou numeroso público. Esta cita deu continuidade ás actuacións celebradas a semana pasada, nas que participaron Segunda Parte, Rockin’KB, Nectarine Soul, Galga Blues Band e Bella Chaos.
A música continuará este mércores 26 de agosto na Praza da Compañía, con dúas actuacións. Deuce subirá ao escenario ás 22.30 horas, mentres que Los Jinetes del Trópico actuarán a partir das 00.00 horas.
O ciclo continuará o xoves 27 de agosto na Praza de España, tamén con dúas propostas musicais. Ás 22.30 horas será a quenda de 7 Rojo, mentres que ás 00.00 horas actuará El Mundo de Sofía Band.
O alcalde, José Tomé, asistiu ás diferentes actuacións acompañado por outros membros do Equipo de Goberno e destacou o obxectivo desta iniciativa de dar visibilidade aos grupos musicais da cidade. “Queremos que os grupos monfortinos sexan os protagonistas e que a veciñanza teña a oportunidade de descubrir e desfrutar da música que se fai na nosa propia cidade”, sinalou.
O ciclo pretende así funcionar como un punto de encontro entre os músicos locais e a veciñanza, ao tempo que contribúe a dinamizar a actividade cultural e a levar a música en directo a diferentes espazos de Monforte.