O turismo en Chantada dispárase en outubro cun 41,5 % máis de visitantes que o ano pasado

RibeiraSacraXa
A Oficina de Turismo atendeu a 525 persoas o pasado mes, coincidindo co cambio de cor da paisaxe outonal na ribeira e na montaña do municipio
outono Chantada
19 Nov 2026

A Oficina Municipal de Turismo de Chantada pechou o mes de outubro con cifras notablemente superiores ás do ano pasado. En total, 525 persoas pasaron por este servizo de atención ao visitante e ao peregrino durante o pasado mes, o que supón un incremento do 41,5 % respecto ao mesmo período do ano anterior.

Segundo explican desde o concello, boa parte deste interese débese ao atractivo que ofrece o municipio nesta época do ano, cando a paisaxe se transforma coas tonalidades ocres propias do outono, tanto nas zonas de ribeira como nas de montaña.

O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, valorou este incremento como unha mostra de que o concello se está a consolidar como destino turístico tamén fóra da tempada alta. “Este interese polo noso concello como destino turístico tamén no outono, reforza a importancia de seguir mellorando os recursos e as ferramentas de información que ofrecemos a turistas e visitantes”, sinalou o rexedor.

Nesta liña, o goberno local puxo en marcha unha iniciativa dirixida aos establecementos turísticos do municipio, aos que se lles ofrece un expositor pensado para facilitar o acceso á información turística de forma rápida e sinxela. Trátase duns carteis que incorporan catro códigos QR, a través dos cales os visitantes poden consultar os recursos turísticos do municipio, un decálogo de boas prácticas e distintos mapas da zona.

Ademais, estes expositores inclúen unha enquisa dirixida aos propios visitantes, coa que o concello pretende recabar a súa opinión e seguir traballando na mellora continua dos servizos turísticos ofrecidos.

Segundo explicou o alcalde, esta medida busca ampliar os puntos de acceso á información turística e facilitar a súa consulta, apostando por un modelo de difusión máis sostible. “Con esta iniciativa, ampliamos os puntos de acceso á información turística, facilitamos a súa consulta e apostamos por unha difusión máis sostible, reducindo a necesidade de materiais impresos e implicando aos establecementos turísticos na promoción do noso territorio”, afirmou Lorenzo Varela.

Deste xeito, os establecementos turísticos pasan a xogar un papel activo na promoción do territorio, ao converterse en puntos de difusión desta información, ao tempo que se reduce a dependencia do material impreso tradicional.

0.15080690383911