O Trail Ribeira Sacra celebra o seu décimo aniversario con récord de participación feminina e dorsais esgotados

GaliciaXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
A proba reunirá o 11 de outubro en Luíntra máis de 500 participantes de oito países e incorpora este ano as carreiras infantís TRS Rapaces e TRS Cativos
presentacion-trail-ribeira-sacra
7 Oct 2026

O Trail Ribeira Sacra celebrará o domingo 11 de outubro a súa décima edición cun novo récord de participación feminina e todas as inscricións cubertas. A carreira, que terá a saída e chegada en Luíntra, reunirá máis de 500 corredoras e corredores procedentes de oito países e contará este ano por primeira vez con probas específicas para nenos e mozos.

A presentación oficial da X edición celebrouse no Parador de Santo Estevo, nun acto no que participaron a directora do establecemento, Esther González; o presidente do Grupo Organizador do TRS, Diego Novelle; o concelleiro de Deportes de Nogueira de Ramuín, Raúl Soto; o asesor de Política Deportiva da Deputación de Ourense, Diego Enrique Álvarez, e o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pérez.

Durante o acto, Esther González destacou a relación do Parador coa proba e o seu papel dentro do percorrido. “É para nós un pracer acoller o TRS. Máis ca unha colaboración, é formar parte e apoiar un evento que pon en valor o territorio, a paisaxe e a saúde”, sinalou.

Diego Novelle repasou a evolución dunha carreira que, en dez anos, pasou dunha iniciativa local a formar parte do calendario internacional. O presidente da organización puxo especialmente o foco na dimensión humana da proba. “O TRS é unha carreira, si, pero é moito máis ca unha carreira. É a emoción da saída de noite en Luíntra, cos frontais acesos e o corazón a mil. É o veciño que sae á porta a aplaudir, a voluntaria que leva horas no avituallamento e aínda che regala un sorriso. É unha gran familia que cada outubro volve á casa. Iso é o espírito TRS”.

A organización destacou tamén algúns dos elementos que se mantiveron ao longo destas dez edicións, como os trofeos elaborados artesanalmente por un oleiro da zona, a marcaxe compostable, a ausencia de vasos de plástico, a igualdade nas categorías e premios para mulleres e homes e a Gastroexperiencia dedicada aos produtos galegos. Novelle agradeceu ademais o labor dos máis de cen voluntarios e voluntarias que colaboran no desenvolvemento da carreira.

A décima edición alcanzou as 500 inscricións en apenas nove días. Na saída estarán representados España, Portugal, Francia, Países Baixos, Suíza, Estados Unidos, Colombia e Rusia, ademais de participantes procedentes de quince comunidades autónomas. En total, haberá 361 corredoras e corredores galegos. A presenza feminina alcanza tamén a súa cifra máis alta, con 106 mulleres inscritas, mentres que a persoa de maior idade na saída terá 77 anos.

A proba principal manterá o percorrido de 48 quilómetros e un desnivel positivo de 3.450 metros. A saída será ás 8.00 horas e o tempo máximo para completar o percorrido estará fixado en once horas. O trazado pasará, entre outros puntos, polo Mirador da Lampa, o Parador de Santo Estevo, A Rasa, Pé do Home, Outeiro do Voadeiro e Pombar antes de regresar a Luíntra.

Unha das principais novidades desta edición será a incorporación de dúas probas destinadas á infancia e á mocidade. Trátase de actividades de carácter lúdico e non competitivo que permitirán ampliar a participación na xornada.

O TRS Rapaces estará dirixido a mozas e mozos de 10 a 17 anos e terá un percorrido de 1,3 quilómetros, con saída ás 11.00 horas. Pola súa banda, o TRS Cativos estará destinado a nenos e nenas de 0 a 9 anos, cun percorrido de 800 metros e saída ás 11.30 horas. “O futuro do trail na Ribeira Sacra comeza por elas e por eles”, destacou Novelle.

A programación infantil completarase cos inchables que a organización instala cada ano para favorecer a participación das familias. Durante a xornada tamén se desenvolverá unha homenaxe especial que a organización manterá en segredo ata o día da carreira.

A #GastroexperienciaTRS volverá ocupar a Praza Maior de Luíntra entre as 14.15 e as 19.30 horas, con diferentes estacións de degustación e sete selos de Galicia Experiencias de Calidade. Este ano incorporarase un espazo específico dedicado ás especialidades de Ourense, con especial presenza dos produtos de Nogueira de Ramuín, ademais de opcións veganas e sen glute.

A celebración do décimo aniversario prolongarase pola noite cun concerto de folk rock do Bruxo Queiman ás 20.30 horas e, ás 23.00 horas, coa actuación de A Gramola como peche da festa.

Na presentación, Raúl Soto destacou a colaboración entre as diferentes entidades implicadas na organización da proba e agradeceu o traballo desenvolvido polo Concello e por Protección Civil. “Como representante do Concello, grazas, porque entre todos conseguimos un produto cultural e turístico do que me toca presumir a nivel nacional”, afirmou.

Diego Enrique Álvarez puxo en valor o apoio institucional á carreira e o traballo realizado para combinar a competición deportiva con propostas turísticas, gastronómicas e recreativas. “Como Deputación, estamos orgullosos dunha organización que soubo envolver un evento deportivo nunha proposta turística, gastronómica e recreativa”, sinalou.

Pola súa banda, Manuel Pérez felicitou a organización polo décimo aniversario e destacou a proxección da proba. “Coñezo moitos eventos, trails, carreiras e maratóns, pero o TRS é moi especial por todo o que o envolve. Promociona a Ribeira Sacra cun valor incalculable a nivel internacional”, afirmou.

O representante da Xunta engadiu que o aniversario contou co apoio das diferentes institucións e sinalou a elevada ocupación do Parador durante a fin de semana da carreira. Tamén animou o público a achegarse a Luíntra para seguir a proba e pechou a súa intervención cun compromiso para o futuro: “Dez edicións e, como mínimo, outras dez. Prometo que en 2027 a correrei”.

0.15545797348022