O Sindicato Labrego Galego organiza en Chantada unha xornada gratuíta sobre novas tecnoloxías para o sector gandeiro

O Sindicato Labrego Galego organiza este luns, 15 de xuño, unha xornada formativa gratuíta na adega Lareu, en Sabadelle (Chantada), centrada nas novas tecnoloxías aplicadas ás explotacións gandeiras.
A sesión desenvolverase entre as 10.30 e as 14.30 horas e incluirá tamén un xantar no propio espazo da adega. A actividade contará coa participación dunha persoa técnica do SLG e de Innogando, que afondarán no uso de ferramentas tecnolóxicas para a xestión do gando.
Durante a xornada trataranse cuestións vinculadas á normativa recentemente incorporada ao sector do vacún de leite e carne, como a obrigatoriedade de rexistro de tratamentos fitosanitarios no caderno dixital, as visitas zootécnicas veterinarias ou o sistema integral de xestión das explotacións. Tamén se abordarán dúbidas relacionadas cos sistemas de aplicación de purín.
O encontro porá o foco igualmente nas novas solucións tecnolóxicas que están a incorporarse ás granxas, especialmente aquelas que apostan polo pastoreo, como os valados virtuais ou os colares de localización do gando. A inscrición permanecerá aberta ata este venres 12 de xuño.