O sentimento de pertenza e a saúde emocional centrarán o próximo Faladoiro de Quiroga

RibeiraSacraXa
Será este mércores coa participación do psicólogo quirogués Ubaldo Vila Anca
faladoiro-quiroga-abril-2026
25 May 2026

A biblioteca do Centro Social de Quiroga acollerá o vindeiro mércores 27 de maio unha nova edición do Faladoiro promovido polo Concello, unha iniciativa aberta á participación veciñal que nesta ocasión xirará arredor da relación entre comunidade e benestar emocional. A actividade comezará ás 18:00 horas e contará coa participación do psicólogo quirogués Ubaldo Vila Anca.

Baixo o título “O sentimento de pertenza-comunidade e o benestar psicolóxico”, a sesión abordará como os vínculos sociais e o sentimento de integración nunha comunidade poden influír de maneira positiva na saúde mental e emocional das persoas. A proposta parte da realidade actual, marcada polo aumento de problemas como a ansiedade, o estrés ou a depresión, e pretende abrir un espazo de reflexión compartida arredor da importancia da cooperación, da participación social e das relacións humanas.

O convidado desta edición, Ubaldo Vila Anca, é diplomado en Maxisterio na especialidade de Educación Infantil e licenciado en Psicoloxía Clínica pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade desenvolve o seu labor profesional no Servizo de Atención Temperá de Quiroga.

Durante o encontro tamén se analizará como recuperar ese sentimento de pertenza cando se perde e que papel pode desempeñar a comunidade no benestar colectivo. Ademais da intervención inicial do relator, os asistentes poderán participar activamente achegando preguntas, opinións ou experiencias persoais.

O Faladoiro está impulsado pola Concellería de Servizos Sociais e Participación Cidadá e será moderado polo concelleiro Xosé Manuel Fernández. Dende o departamento municipal sinalan que este tipo de encontros buscan fomentar tanto a participación cidadá como a reflexión sobre cuestións de interese social vinculadas á saúde física e mental da veciñanza.

0.10792207717896