O sector termal galego contará cunha nova liña de axudas de ata 8 millóns de euros

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, anunciou esta medida durante a inauguración de Termatalia 2024
rueda-termatalia-2024
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, durante a inauguración de Termatalia 2024
26 sep 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico ultima unha nova liña de axudas de ata 8 millóns de euros destinados a modernizar e mellorar as instalacións termais e que forma parte dun plan específico máis amplo para potenciar este sector en Galicia.

Durante a súa intervención na XXII edición de Termatalia en Ourense, Rueda lembrou que Galicia é a primeira potencia termal en España e a segunda en Europa, un sector que xera 19.000 empregos -entre directos e indirectos- en Galicia e que atraeu o ano pasado a preto de 190.000 turistas.

O presidente salientou que o termalismo reúne todas as características do modelo turístico polo que aposta a Xunta: un turismo sostible, de calidade e que permite desestacionalizar a chegada de viaxeiros á comunidade. Neste sentido, fixo un chamamento a saber aproveitar as “posibilidades turísticas, medicinais e de promoción que ofrecen as augas termais.

Está previsto que o Plan específico para o termalismo se poña en marcha antes de que finalice o ano, contando con esa liña de axudas que virían dos fondos Next Generation da Unión Europea. Ademais, contempla a creación dunha Mesa de Termalismo para fomentar a colaboración entre distintas áreas da Xunta neste eido e a creación dun Observatorio Termal para avanzar na investigación e profesionalización.

Unhas medidas que se suman ao Plan Territorial de Sostibilidade Turística de Vilas Termais e Cascos históricos que promove melloras en áreas termais e que conta cun orzamento de máis de 21 millóns de euros ata 2026.

Rueda aproveitou para destacar as boas cifras que acadou Galicia este ano a nivel turístico en xeral, que tamén quedaron reflectidas no sector termal, e animou “a seguir traballando con este tesouro que temos, que nace do centro da terra e fala de Galicia por todo o mundo”.

0.18535614013672