O Saviñao celebrará o 1 de agosto a súa XII Carreira Popular

O Concello do Saviñao acollerá o vindeiro 1 de agosto a duodécima edición da súa Carreira Popular, unha cita aberta a participantes de todas as idades que contará con inscrición gratuíta en todas as categorías.
A xornada deportiva dará comezo ás 11.00 horas coa carreira de chupetíns, destinada aos nacidos en 2020 e anos posteriores, cun percorrido de 150 metros. Cinco minutos despois será a quenda da categoría prebenxamín, mentres que ás 11.15 horas tomarán a saída os benxamíns sobre unha distancia de 600 metros.
Ás 11.30 horas disputaranse as probas das categorías alevín, infantil e cadete, todas elas cun percorrido de 1.400 metros. A carreira absoluta, reservada para participantes nacidos en 2009 e anos anteriores, arrancará ás 12.00 horas e terá unha distancia de oito quilómetros.
A organización entregará trofeos aos tres primeiros clasificados, tanto en categoría masculina como feminina, da proba absoluta. Ademais, todas as persoas inscritas disporán de avituallamento sólido e líquido ao remate da carreira.
As inscricións permanecerán abertas ata o 30 de xullo e poden formalizarse a través do correo electrónico cpdosavino@gmail.com ou nos teléfonos 620 281 518 e 982 452 061.