O Quiroga Trail Challenge 2027 esgota as prazas de aloxamento da comarca tras superar as 560 inscricións

GaliciaXa | RibeiraSacraXa
A proba, que se disputará os días 20 e 21 de febreiro, reúne a corredores de 35 provincias, 14 comunidades autónomas e Portugal, desbordando a capacidade hoteleira da zona
Quiroga Trail Challenge cartel
20 Nov 2026

A decimoterceira edición do Quiroga Trail Challenge pechou a súa primeira fase de inscricións, rematada o pasado 15 de novembro, con cifras que superan amplamente as previsións iniciais. En total rexistráronse 550 inscritos, dos que un 32 % son mulleres, un dato que a organización destaca como mostra do crecemento constante e cada vez máis transversal do trail running.

A cita, prevista para os días 20 e 21 de febreiro de 2027, volveu demostrar a súa capacidade de atracción máis alá das fronteiras galegas. Entre os participantes hai deportistas procedentes de 35 provincias españolas, de 14 comunidades autónomas distintas e tamén de Portugal, o que confirma a proxección nacional e internacional que foi gañando a proba edición tras edición.

A fin de semana de competición organízase en dúas xornadas diferenciadas: o sábado tomarán a saída 500 corredores na modalidade de Castelo, mentres que o domingo será a quenda doutros 200 participantes na proba de Lor. Con este formato, a organización busca manter un reto esixente que percorra algúns dos paraxes máis característicos da zona.

Impacto económico e turístico no Xeoparque Montañas do Courel

Máis alá do compoñente puramente deportivo, o Quiroga Trail Challenge consolidouse como un motor económico e turístico para Quiroga e os concellos da contorna, en liña cun dos seus propósitos: dar a coñecer e poñer en valor o Xeoparque Mundial da UNESCO Montañas do Courel.

O interese xerado pola proba foi tan elevado que as prazas de aloxamento en Quiroga e San Clodio están completamente esgotadas. Esta situación levou a boa parte dos participantes e acompañantes a buscar hospedaxe en comarcas e concellos veciños, como Valdeorras, Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón e Monforte de Lemos, na Terra de Lemos.

Segundo as estimacións da organización, o evento podería chegar a reunir a máis de 1.000 corredores, aos que se sumarán arredor de 200 voluntarios e un número considerable de acompañantes. En conxunto, calcúlase que unhas 2.000 persoas pasarán pola zona ao longo de toda a fin de semana de competición.

Douscentos voluntarios, peza clave da organización

A organización salienta que boa parte do éxito e a seguridade da proba descansa na implicación das persoas voluntarias e do propio territorio. Na actualidade xa son 100 as persoas voluntarias que colaboran acompañando e guiando aos corredores polo percorrido, unha cifra que se espera duplicar até alcanzar os 200 voluntarios previstos para o día da carreira.

0.11803388595581