O PSOE reclamará á Xunta no Pleno da Deputación un plan de choque na atención pediátrica

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O Grupo Socialista da Deputación de Lugo reclama á Xunta un plan de choque para reforzar a atención pediátrica na provincia de Lugo.
pediatra
pediatra
28 nov 2022

Esixen acabar cos recortes de persoal e adoptar as medidas necesarias “para repoñer coa maior brevidade posible os cadros de persoal nos servizos de medicina de familia, pediatría e persoal sanitario”.

O Grupo Socialista da Deputación de Lugo reclama á Xunta un plan de choque para reforzar a atención pediátrica na provincia de Lugo.Dende a Deputación de Lugo seguiremos reclamando á  Xunta, tantas veces como faga falta, que adopte as medidas necesarias para garantir o acceso ós servizos sanitarios públicos de calidade ó conxunto dos lucenses, con independencia do seu lugar de residencia ou da súa idade. E dende logo consideramos fundamental, polo seu impacto na saúde e pola inquedanza social que xera a súa ausencia, garantir unha boa atención pediátrica”.

Por iso, o PSdeG defenderá no vindeiro Pleno da Deputación, que se celebrará o vindeiro martes, unha moción para reclamar que a Xunta poña fin á “política de recortes de persoal” e “adopte as medidas necesarias para repoñer coa maior brevidade posible os cadros de persoal nos servizos de medicina de familia, pediatría e persoal sanitario”.

Os socialistas esixen ao Goberno galego que “atenda as reclamacións dos doentes e as organizacións profesionais á hora de deseñar o modelo de atención de urxencias pediátricas, para evitar que a falta de atención nos centros de saúde se traduza logo no colapso dos centros hospitalarios”.

O PSdeG subliña que, a pesar das reiteradas denuncias dos usuarios, dos colectivos profesionais do persoal sanitario e dos partidos da oposición, “a Xunta de Galicia permanece incapaz de desenvolver medidas para mellorar a xestión da sanidade galega, o servizo que reciben os pacientes e as condicións de traballo nos hospitais e centros de saúde”.

“A chegada das patoloxías propias do inverno está a xerar un novo colapso nos servizos de atención pediátrica. Esta situación vese agravada por unha falta de profesionais que ten sido denunciada de xeito reiterado no Pleno da Corporación provincial, sen que a Consellería de Sanidade actuase para remediar a insuficiencia de profesionais de pediatría que afecta aproximadamente ó 80% dos municipios da nosa provincia”, afirman os socialistas.

O Grupo Provincial Socialista recorda que hai apenas un mes, a xerente do Sergas, Estrella López-Pardo Pardo, declaraba nos medios de comunicación que os galegos “teñen que facerse á idea de que non se pode ter un pediatra en cada concello, e viña a dicir que para garantir a atención pediátrica o mellor era concentrar ó persoal dispoñible nas vilas de maior tamaño ou nos centros hospitalarios”.

“Por desgraza, a chegada das gripes e incidencias respiratorias infantís propias do inverno como a bronquiolite, revelaron que o modelo de concentración do Sergas tampouco garante a asistencia ós nenos e nenas da provincia”, aseguran os socialistas, engadindo que o pasado día 15, Manolo Veiga, delegado do sindicato de enfermería SATSE denunciou o colapso dos servizos das urxencias pediátricas no HULA, así como en varios centros de saúde da provincia.

Manifestación reivindicativa das familias de Viveiro, O Vicedo e Ourol

A Xunta “fixo caso omiso” destas declaracións, mesmo restou importancia ás patoloxías que levaron a hospitalizar a 25 nenos en poucas semanas. “Tampouco lle prestou atención” á manifestación celebrada o domingo día 20 en Viveiro onde familias e nenos saíron á rúa cargados de peluches e vestindo babeiros con lemas reivindicativos para denunciar a falta de atención pediátrica para os 1.600 menores de Viveiro, O Vicedo o Ourol, remarcan dende o PSdeG.