O PSOE reclama á Xunta que escoite á sociedade que protestou en Santiago pola situación sanitaria

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O PSOE reclama á Xunta que escoite o "clamor social" en defensa da sanidade pública da manifestación de Santiago e que actúen
manifestacion psoe santiago sanidade
manifestacion psoe santiago sanidade
13 feb 2023

A secretaria de Organización do PSdeG na provincia de Lugo, Pilar García Porto, reclamou este luns á Xunta de Galicia que “escoite o clamor social” e que “arranxe a situación sanitaria da provincia de Lugo e de Galicia”. Así o dixo tras participar onte na manifestación en Santiago de Compostela que, baixo a convocatoria da plataforma SOS Sanidade Pública, reuniu a milleiros de persoas na capital galega e que foi todo un éxito de convocatoria.

Unha ampla representación dos socialistas da provincia de Lugo, formada por numerosos responsables do partido a nivel orgánico e cargos institucionais, así como afiliados e afiliadas, participaron nesta multitudinaria manifestación en defensa da sanidade pública, e contra os recortes e a privatización ós que a vén sometendo o Partido Popular dende o Goberno autonómico.

“O que vivimos onte en Santiago foi unha auténtica reivindicación dos servicios públicos na nosa comunidade. O PP ten que deixarse de parches e escusas, e debe arranxar os problemas da sanidade pública. Actúen xa”, subliñou García Porto.

Prepotencia e falta de resposta

Nesta liña, aludiu ás criticas da Xunta nas que asegurou que esta convocatoria estaba politizada. “A xente que leva meses en lista de espera non fai política. A xente que leva ó neno ó Hula porque non ten pediatra non fai política. A xente que non ten cita en Atención Primaria non fai política. O médico que dobra ou triplica turno non fai política. A cidadanía quere que os políticos lles dean solucións, e esta farta de sufrir a incompetencia de Alfonso Rueda e do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña”, dixo a secretaria provincial de Organización.

Pilar García Porto explicou que a manifestación demostrou o “farta, preocupada e indignada” que está a sociedade galega no seu conxunto “co nefasto modelo de xestión da sanidade pública galega da Xunta”, e coa “prepotencia e a falta de resposta” do Goberno ante as súas demandas. “Levamos dende antes da pandemia con protestas nas catro provincias galegas, pero o PP sempre mirou para outro lado e negouse a aceptar a realidade”, asegurou.

“A praza do Obradoiro estaba ateigada de profesionais sanitarios e cidadáns, e converteuse nun mosaico que representaba todas as eivas do modelo actual de xestión sanitaria da Xunta. Alí estaba o persoal sanitario que firma 300 contratos ó ano; os médicos que fan xornadas esgotadoras para cubrir as vacacións e as baixas dos seus compañeiros; os pais que non teñen pediatra no centro de saúde; as persoas en lista de espera de cirurxía; ou familiares de enfermos terminais que en lugar de atención a domicilio reciben unha chamada telefónica de seguimento”, sinalou.

Foi o PP o que recortou 1.100 profesionais

En canto á situación sanitaria da provincia de Lugo, lembrou que “arredor do 80% dos concellos teñen problemas endémicos na atención primaria e pedrátrica. Temos recentes as protestas da Mariña, e o HULA tense convertido, de facto, no único punto da provincia que garante a atención de urxencias pediátricas. Esta situación é insostible”.

García Porto remarcou que “a Xunta ten plenas competencias en Sanidade segundo establece o Estatuto de Autonomía de Galicia. Non pode botar balóns fóra, ou botarlle as culpas a outros no que é responsabilidade súa. Foron os gobernos do PP os que recortaron máis de 1.100 profesionais en Atención Primaria. Son os cargos do PP os que nos din que non pode haber pediatras en todos os concellos. É o PP o que deixa sen convocar as prazas de MIR que habilita o Goberno central, para logo botarlle ós socialistas a culpa da falta de médicos”.

“En Galicia os médicos e o resto de profesionais sanitarios non queren traballar nas condicións que impón o Sergas”, aseverou a secretaria provincial de Organización. Por todo isto, recalcou, “é urxente que o PP escoite ós cidadáns e ós profesionais, e que atenda as súas necesidades e reclamacións. Hai que deseñar un modelo sanitario público que garanta atención de calidade en todo o territorio – sen esquecer o rural – cunhas condicións laborais dignas”.