O PSOE esixe á Xunta a que arranxe a estrada LU-651

RibeiraSacraXa
O PSOE esixe á Xunta a que arranxe a estrada LU-651, no tramo de Folgoso do Courel a quiroga, que leva un ano afundida
tome visita Courel estrada
tome visita Courel estrada
27 feb 2023

O Grupo Socialista da Deputación de Lugo denuncia "a desidia, os atrasos e as mentiras do PP" con respecto á situación das estradas da Xunta no Concello de Folgoso do Courel.

Por iso, defenderá no vindeiro Pleno ordinario da Deputación do martes unha moción na que insta ao goberno galego a arranxar a estrada autonómica LU-651, no tramo de Folgoso a Quiroga, afundida desde hai case un ano, para mellorar o seu trazado e dotala dos muros de contención e elementos de sinalización e seguridade propios dunha vía das súas características.

Na mesma moción, o Partido Socialista demanda á Xunta "o acondicionamento e ampliación da estrada entre Seoane e Folgoso do Courel, que leva pendente, bloqueada e sen executar dende fai mais dunha década, para mellorar as conexións e a cohesión territorial da provincia de Lugo".

Por outra banda, explican que a mediados deste mes de febreiro coñeceron os efectos dos temporais dos meses de decembro e xaneiro, que dan conta "da mala situación detectada nos quilómetros 18, 28 e 29, que están a precisar novas obras de reparación, con cortes que obrigan os vehículos pesados a facer un trazado alternativo cun rodeo de 30 km, coas molestias e o incremento de custe que isto supón".

Dende o PSdeG inciden en que a "actual situación pon de manifesto que a Xunta non fai as obras de mantemento precisas para garantir o bo estado das súas estradas, nin actúa con dilixencia cando se producen deterioros graves", denuncian.

Comentan que o afundimento de 200 metros de firme na mesma estrada en marzo do ano pasado ocasionou un corte que se prolongou durante catro meses e que a Xunta "tardou 44 días en artellar un desvío alternativo".