O PSOE de Pantón reclama máis vixilancia tras varios roubos rexistrados no municipio

O PSdeG-PSOE de Pantón fixo público un comunicado no que amosa a súa preocupación polos roubos ocorridos nos últimos días en distintos puntos do municipio, feitos que afectaron a varios veciños e que, segundo a formación, están a xerar inquietude entre a poboación local.
Ante este contexto, os socialistas de Pantón puxéronse en contacto coa Subdelegación do Goberno en Lugo para trasladar o malestar existente entre os veciños de Eiré e do resto do Concello. Dende o organismo informouse de que se reforzará a vixilancia na zona e que se manterá un seguimento directo do ocorrido, co fin de incrementar a presenza de patrullas.
O partido agradeceu a rapidez da resposta e a sensibilidade amosada pola Subdelegación ante unha situación que, sinalan, preocupa especialmente ás persoas maiores que viven soas e ás familias dos distintos núcleos do municipio.
Así mesmo, a formación lanzou un chamamento á colaboración cidadá, ao considerar que a prevención e a cooperación veciñal poden axudar a evitar novos roubos e facilitar o traballo das forzas de seguridade. Entre as recomendacións trasladadas á veciñanza inclúense anotar matrícula, marca, modelo, cor ou dirección de desprazamento de persoas ou vehículos que xeren sospeitas razoables preto das vivendas, así como tomar fotografías ou gravar imaxes, sempre que sexa posible e sen asumir riscos, para poñelas á disposición das autoridades competentes.
O comunicado insiste tamén na importancia de avisar de inmediato a través do 062, ou ao 112 en caso de urxencia, ante calquera intento de acceso a unha vivenda ou situación sospeitosa. Recoméndase non enfrontarse ás persoas sospeitosas nin intentar retelas, dando prioridade en todo momento á seguridade persoal.
Entre outras medidas preventivas, aconséllase manter pechadas portas, fiestras, garaxes e dependencias anexas mesmo durante ausencias curtas, evitar deixar á vista ferramentas, escaleiras ou outros obxectos que poidan facilitar o acceso ás vivendas, e informar a familiares ou persoas de confianza cando se vaia pasar varios días fóra do domicilio. O PSOE local pide tamén prestar especial atención ás persoas maiores que viven soas e manter o contacto entre veciños para comunicar calquera incidencia relevante.
Por último, a formación socialista afirmou que continuará realizando as xestións oportunas ante as distintas administracións para reclamar a protección e a tranquilidade que, aseguran, merece a veciñanza. “A seguridade dos nosos pobos debe ser unha prioridade, polo que continuaremos traballando para que se reforce a presenza das forzas de seguridade nas zonas onde existe maior preocupación social”, conclúen dende o partido.