O PSOE de Pantón denuncia que non se están cubrindo urxencias médicas no centro de saúde

RibeiraSacraXa
Os socialistas de Pantón denuncian que non se están cubrindo urxencias médicas no centro de saúde da localidade.
Concello biblioteca centro saude Panton
Concello biblioteca centro saude Panton
22 mar 2023

Os socialistas de Pantón denuncian que non se están cubrindo urxencias médicas no centro de saúde da localidade. Así o dixeron, tras comprobar nestes días que o persoal sanitario que está cubrindo a terceira praza do ambulatorio e que só ten contrato ata finais de maio en quenda de tarde non atendeu a diversas persoas que se desprazaron por urxencias ao centro de saúde.

Os socialistas explican que lles chegaron “queixas dunha paciente que acudiu ao centro médico cunha tensión de 19 e un derrame nun ollo, e que foi derivada a urxencias sen explorala. Segundo se deprende dos estudios médicos con estes síntomas, unha lectura de 19 de tensión arterial é extremadamente alta e pode indicar unha emerxencia médica que require atención inmediata. Polo tanto, é importante que o paciente sexa avaliado e tratado inmediatamente por un profesional da saúde, pero neste caso concreto non foi atendida”.

Ademais, denuncian que o persoal sanitario deixou sen atender a 10 pacientes con cita previa. “Estamos diante dunha situación de desatención grave que está afectando a moitos veciños e veciñas que acoden ás urxencias na quenda de tarde. Non podemos consentir que se descoide aos doentes, queremos uns servicios sanitarios con tódalas garantías”, inciden.

Os socialistas lamentan novamente saír á palestra con estas denuncias sobre a precariedade na asistencia sanitaria, “pero non temos outra opción que denunciar as carencias que estamos padecendo”.

Ademais, nestes días o Alcalde volveu a avanzar que volta a presentarse ás eleccións municipais, “xa que lle confirmaron o terceiro médico para Pantón. Pero este novo facultativo só consulta 3 días a semana, non atende a domicilios e o seu contrato remata supostamente a finais de maio, precisamente cando remata a campaña electoral”, subliñan os socialistas.

Iniciativas no Concello

Nesa liña, anuncian que presentarán iniciativas no Concello para demandar “explicacións e coñecer con luz e taquígrafos o que esta acontecendo coa sanidade no noso concello”.

Perda de subvención do Concello

Por último tamén se referiron a perda da subvención de 95.000 euros por parte do Concello de Pantón incluída no Plan Único da Deputación, por non executarse a obra que debía financiar. Concretamente estaba destinada a mellorar o acceso á piscina municipal. “A mala xestión do Alcalde fixo que perderamos este investimento para mellorar as dotacións públicas da nosa vila, xa que non soubo resolver este asunto. Xa que tal e como sinalan as propias bases do Plan Único este investimento podería executarse noutra obra municipal, pero o Concello non fixo ningunha solicitude a Deputación en tempo e prazo”, advirten os socialistas.