O PSOE da provincia empraza á Xunta a que atenda as reclamacións en materia de sanidade

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Os socialistas emprazan ao Goberno de Alfonso Rueda a escoitar á sociedade galega e atender as reclamacións de mellora na sanidade pública.
MANIFESTACION PSOE SANIDADE
MANIFESTACION PSOE SANIDADE
26 feb 2023

Esixen á Xunta medidas para a recuperación da Atención Pediátrica e a redución das listas de espera, así como o compromiso de convocar cada ano o 100% das prazas MIR autorizadas polo Goberno do Estado.

Os socialistas emprazan ao Goberno de Alfonso Rueda a escoitar á sociedade galega e atender as reclamacións de mellora na sanidade pública, tralo éxito da multitudinaria manifestación do pasado 12 de febreiro en Santiago de Compostela.

O Grupo Socialista da Deputación de Lugo “ten un compromiso firme e inalterable en defensa dos servizos públicos, nomeadamente da Sanidade, polo que demandará ao Goberno galego no vindeiro Pleno ordinario, que se celebrará este martes, “un plan urxente de melloras na Atención Primaria que inclúa o compromiso de dedicar a este eido o 25% do orzamento sanitario, como recomenda a OMS”.

Os socialistas esixen á Xunta medidas para a recuperación da Atención Pediátrica e a redución das listas de espera, así como o compromiso de convocar cada ano o 100% das prazas MIR autorizadas polo Goberno do Estado.

Dende o PSdeG solicitan “a recuperación dos cadros de persoal dos PAC e centros hospitalarios afectados polos recortes, unha política de persoal que cubra as baixas por vacacións, enfermidade e xubilacións, e a fin da temporalidade, que leva ós profesionais a firmar contratos por horas, días ou semanas”.

Ante o clamor da xente, a resposta da Xunta foi “decepcionante”

A multitudinaria manifestación do día 12 foi a expresión das queixas que se veñen rexistrando nos últimos anos, en Lugo e no resto das provincias galegas, por mor das políticas de recortes e a mala xestión do PP.

Ante o clamor da xente, a resposta do Goberno da Xunta foi de novo “decepcionante”, co seu Presidente “anunciando xa antes da manifestación que el ese día tiña previsto desfrutar dun cocido”. “Parece que os problemas dos galegos e galegas son tan nimios que o seu máximo responsable ben pode marchar de festa”, lamentan os socialistas.

O PSdeG incide en que ao longo deste mandato  presentou no Pleno da Deputación de Lugo de xeito reiterado iniciativas que recollían as necesidades dos cidadáns da provincia. “Mocións que falaban de falta de pediatras, de déficits na Atención Primaria, de centros sanitarios con consultas pechadas, de persoal sobrecargado de traballo ou de veciños do rural que non teñen acceso á atención sanitaria na súa vila, e sempre atopamos a negación da realidade e o desdén cara a poboación como resposta dos populares lucenses”, asegura.

Reclamar políticas sanitarias que garantan a atención de calidade

A sociedade galega saíu á rúa o día 12 de febreiro, recalcan os socialistas, “para manifestar o seu desacougo coa situación da sanidade pública na nosa comunidade. En contra do que se dixo dende a Xunta e dende o Partido Popular, a manifestación que xuntou a decenas de milleiros de persoas en Santiago foi unha expresión de cansazo social ó marxe de intereses partidistas ou sesgos ideolóxicos. Xuntáronse para reclamarlle á Xunta políticas sanitarias que garantan a atención de calidade para os e as pacientes e unha carreira profesional digna para o persoal sanitario”.